Entrar na clase

Celso Currás
Celso Currás A NOSA ESCOLA

OPINIÓN

27 jun 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

A aula de clase experimentou importantes cambios ao longo da historia. Se visitamos o Museo Pedagóxico de Galicia, podemos ver varias fielmente reproducidas, empezando polas nosas vellas «escolas de ferrado», do século XIX. A aula é o auténtico forno da educación, no que se cocen os máis importantes procesos de ensino e aprendizaxe, pero tense convertido nun clásico espazo privativo de profesor e alumnos, do que nada transcende. É un compartimento estanco, debido ao tradicional receo do docente a abrilo ao exterior, impedindo, desde sempre, un enriquecedor intercambio de experiencias, que había proporcionarlle unha boa formación práctica permanente.

O ensino resulta, xa que logo, unha actividade solitaria. Nin se comparte nin se observa. Consecuencia deste illamento é a pouca permeabilidade da aula a calquera tipo de reformas e por iso, no noso país, que sempre foi moi dado aos bandazos en educación, as renovacións pedagóxicas teñen grande eco nos boletíns oficiais ou nos medios de comunicación, pero pouco precisamente nese local onde se leva a cabo unha boa parte da formación da persoa. Non é de estrañar, polo tanto, que nun mesmo centro educativo convivan estilos de ensino autocráticos, con abuso de clases maxistrais, con sistemas democráticos e de participación activa do alumno. Tamén hai docentes que empregan habitualmente as novas tecnoloxías, xunto a outros que non saben manexar un ordenador. Cada un considera que o seu método é o mellor, non sendo conscientes, a maioría das veces, da necesidade de renovarse, pois descoñécense outras prácticas que poden servir de referencia para adaptarse a uns tempos que esixen diferentes maneiras de ensinar.

O profesor acostuma reproducir os modelos docentes que coñeceu na súa etapa formativa, coas súas virtudes pero tamén cos seus erros. Non se da conta, por exemplo, de se fala demasiado, permite pouca iniciativa aos alumnos, aburre coas súas exposicións ou non fomenta a creatividade. Así mesmo, pode descoñecer que posúe excelentes calidades que deben ser aproveitadas por outros compañeiros. Observar o que fan os demais, evitando un atrincheiramento na aula, debe ser obxectivo prioritario do centro docente na súa programación xeral, máxime nuns momentos de irrupción das novas tecnoloxías na clase e de cambio metodolóxico radical. As auténticas clases do século XXI, vanse parecer, cada vez menos, ás que son hoxe a maioría.

Paréceme moi interesante, neste sentido, a experiencia Profex21 que está a desenvolver a Fundación Barrié: Rachar co tabú do segredo da aula e gravar as clases para que os docentes, coa axuda de expertos, poidan corrixir os seus erros mais tamén potenciar os seus acertos. Observarse uns aos outros e aprender dos profesores excelentes, que abundan máis do que pensamos e que tan desapercibidos pasan nestes momentos.