Podemos ou ¿Poderemos?

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto O MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

17 jun 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

É o asunto de moda. Había ben tempo que non estaba de moda un grupo político ou a política mesma. Benvida a novidade que merece ser ollada e ponderada. O primeiro que chama a atención é que se trata dun triunfo do coñecemento. Un experimento de I+D académico +i, de aplicación práctica innovadora, desenvolvido por profesores novos, nacidos na democracia, que fixeron os seus doutoramentos despois do 2005. Quen din que nas universidades españolas non se investiga, que politólogos e economistas académicos non saben de que falan, que a universidade está afastada do mundo real, que non prepara para necesidades concretas, etc., teñen razóns para rectificar. A universidade pública máis masificada, peor financiada e menos gobernable, acaba de producir na súa Facultade de Ciencia Política un exitoso produto. Dous: a xeración Podemos antes do 15-M coñeceu a experiencia anti LOU do ano 2001, as mobilizacións contra a guerra de Iraq e as do Prestige.

O terceiro é que todo o movemento está centrado nun líder definido, nunha identificación extrema entre política e liderado. O cuarto é o máis novidoso: o seu márketing político incorpora con éxito claves esenciais do modelo norteamericano, non sei se dende Ecuador e Bolivia ou dende os mesmos Estados Unidos, pero recoñecese como xenuinamente americano, tanto no norte como no sur do continente. O líder é un sinal pero hai máis: o nome We can; as primarias como novo elemento central de participación ou o retrato do líder novo, de orixes modestas, preparado, feito a si mesmo fronte aos privilexiados... Todo lembra as imaxes desa política democrática nas que todas as xeracións nacidas despois de 1960 están educadas polo cine, as teleseries ou os telexornais. A democracia como liberdade e capacidade de elección de raíz liberal-libertaria foi unha planta ben regada en América que se suma en Podemos á esquerda socialista europea.

Cinco. Pablo Iglesias nunca se autodefine nin afirma o que é: critica o sistema vixente e propón cambios políticos. Seis. Nunca sorrí. Sempre aparece serio, porque a crise e a corrupción obrigan e para conxurar os prexuízos contra «un rapaz con coleta que fala de política sen a nosa experiencia...» Nin a noite electoral se lle albiscou máis que un leve sorriso, e aínda afirmou máis ou menos: non podemos estar contentos co noso resultado porque mañá seguirá gobernando o bipartidismo, o que queremos é cambiar as leis dende o Goberno. Sete. Esa apelación a gobernar diferénciaos de toda a esquerda radical coñecida ata hoxe. Por dicilo doutro xeito, lembra máis ao BNG de 2005 que a AGE de 2012. Oito. Descubriu -alén das formas clásicas de implantación- como chegar ás salas de estar a través da cota que as cadeas de televisión acaban por darlle a un público que demanda o mesmo que ofrecerán aos seus votantes. E logo as redes sociais e as novas cadeas de Internet, etc... Nove. Á vez emprega todos os repertorios da oposición política e social da Transición que forman parte da bagaxe social, aos que engadiron referentes construídos no denominado proceso de recuperación da memoria histórica que enlazan transxeracionalmente coas ideoloxías dos avós. Dez. Non parece populismo. Once. É español sen distinción e sen agresión.