O legado dun rei: de piloto do cambio a colaborador necesario

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto EL BALANCE DE UN REINADO

OPINIÓN

08 jun 2014 . Actualizado a las 11:49 h.

¿Que memoria quedará deste rei? Non será unha memoria única, o bravo, o vello, o sabio... ao xeito dos reis medievais, será plural e dividida como corresponde a unha sociedade democrática. Para saber que identificará a este rei no futuro hai que botar man da Historia e da memoria. Só se comparará co seu antecesor Afonso XIII e co seu sucesor Felipe VI. O primeiro é unha referencia negativa que o realza o segundo aínda é unha incógnita, pero só pode ter éxito se quere reinar. Tamén se comparará coas alternativas históricas e políticas á monarquía mesma, a ditadura de Franco como referente negativo de case todos, e a República como ilusión, expectativa e esperanza dalgúns. En 1975 a República era considerada un fracaso irrepetible pola propaganda dun franquismo orwelliano, pero tamén polos herdeiros dos republicanos, froito de todas as derrotas sufridas dende 1939 e das amargas disputas dos derrotados. Para as xeracións que ían facer a transición era unha referencia incómoda e para o PC unha moeda de cambio. Hoxe a República é unha referencia (re)construída a partir da Historia, a «memoria recuperada», o noxo da corrupción sistémica e da crise coa súa falta de expectativas para a xente nova que non ve futuro, senón aos mozos de 1975 precisamente, que seguen a mandar e decidir sobre o presente e aínda sobre o futuro. Asombrosos efectos da memoria colectiva: unha suma de experiencias, lembranzas, vivencias e propaganda, trufada con historia que retén do pasado o que está vivo. Non retén o paleolítico, pero si a II República.

En 1976, o rei era unha expectativa que traballou a súa única posibilidade, facerse unha solución amigable á oposición. Contou coa colaboración dos mozos falanxistas e do Opus no poder, nunha alianza de supervivencia que superou as disputas dos seus maiores. Foi ao cabo unha das pezas esenciais na rexeneración do sistema político, unha ditadura decrépita nacida do golpe de Estado, as persecucións e a guerra que facía equilibrios coa Historia dende 1945. O franquismo reformista e a oposición maioritaria fixeron da monarquía algo secundario, un medio para chegar á democracia convertida en cerna das expectativas colectivas. Os españois que ían facer a transición tiñan o pasado como carga, perderan a memoria da República, conservada por persoeiros como Madariaga ou Sánchez Albornoz, e nunca puideran adquirir a memoria de Nuremberg.

Os historiadores de oficio afinarán a súa interpretación, na que xa pasaron de piloto do cambio a importante axente, apelando ás fontes documentais que ofrecen coñecementos empíricos para elaborar teorías e explicacións. Pero dende Halbwachs sabemos que a historia non é todo o pasado nin tampouco todo o que queda do pasado; ao lado da historia escrita hai outra viva que actuará neste tempo de Historia que ven. Os partidos do bipartidismo aspiran a que Felipe repita o pasado e os rexenere a eles e ao sistema, pero sabemos que o pasado nunca se repite da mesma forma.