Portugal

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

01 jun 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Seica a xente volve admirada. Non toda a xente, por suposto. De seguro que unha gran maioría non viu moito mais alá da propia bancada. Pero outros si, e algúns comentaristas de prensa, columnistas de opinión, mestres do micrófono, seareiros de faladoiros na radio e na televisión veñen encantados de Lisboa. Non sabían que estaba alí, tan próxima. Póñense ao teclado do ordenador, séntanse diante do micrófono e velaí a nova: ¡Portugal existe! Algún mesmo se remonta a Aljubarrota. A torre de Belén, a praza do Rossio, o Terreiro do Paço, don Henrique o Navegante, o señor de Pombal, o castelo de San Jorge, as ruelas pinas da Alfama, a terraciña do café A Brasilera coa figura en bronce do poeta Pessoa, os Jerónimos, o elevador de Santa Justa... E as librerías. En Lisboa aínda un pode ir de librerías. Clasicos e contemporáneos. Almeida Garret, liberal e masón, poeta romántico e viaxeiro, Alexandre Herculano, Eça de Queiroz, da Povoa de Varzim, a gran figura do realismo, Castelo Branco, Miguel Torga, Natalia Correia, Eugénio de Andrade, Aquilino Ribeiro, Saramago, Fernando Namora, Vergilio Ferreira, Cardoso Pires.. E os máis próximos:Agustina Bessa-Luis, Manuel Alegre, Lobo Antunes, Lidia Jorge, Joao de Melo, Rita Ferro? Cito de memoria. Sinto esquecer a moitos. Son os homes e as mulleres da palabra, dende don Dinis e os troveiros medievais ata os nosos días. Mais tamén os músicos, a xente do cine e do teatro, os artistas plásticos, os arquitectos? E os ensaistas, e os homes e mulleres da ciencia, e os políticos? Os columnistas madrileños, que viñeron ver a final da Champions, volven namorados. Non tanto da historia e dos grandes nomes como da xente do común, que é a primeira que conta (e o primeiro que se ve), a luz da cidade, dos seus cafés e dos seus restaurantes, das flores, dos mercados, dos monumentos que marcan a historia, do arredendo que chega do mar? O Mar da Palha, que din as antigas crónicas, polos grandes restos de cereal e de herba que baixaban polo Tejo e enchían o esteiro cando as cheas? Portugal existe. Durante uns poucos días, logo da resaca futboleira, os visitantes volven a casa coas noticias. Será por pouco tempo. Pasado o día volverá a incomunicación, a ignorancia e o silencio. O discurso dominante (madrileño), que dicta decote a realidade que percibimos, vive enviso na endogamia estéril que lle impide ver máis alá de si mesmo, único centro do mundo, e así nos vai (en España). Sucede o mesmo cos catalans (fóra da tensión da crónica política, inmediatista e curtopracista), cos vascos (marcados pola violencia, esa especie de nube negra que tantas cousas oculta), non digamos os galegos, extraviados na néboa. Dá bastante risa, e mágoa, ler algunhas crónicas estes días, que parece que veñen de descubrir o mundo. Oxalá servisen para abrir a porta e que corra o aire. Témome que non. Os que nos interesamos polos outros, polo discurso dos outros, pola creación e os problemas dos outros, que son irmáns, tan próximos, seguimos sendo sospeitosos.