Cultura fronte a fútbol

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

16 may 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Para colocarnos no mundo, sempre fachendeamos do noso deporte e non das nosas descubertas científicas, aportacións artísticas ou empresas triunfadoras. Poderiamos ter feito diso o noso valor exportable, pero, como nas aulas de cando eramos adolescentes, os chapóns son marxinados polos galiños da clase que sacan sobresaliente en Educación Física pero suspenden mates e lingua. España é así; os malotes gústannos tanto, que sempre eliximos de delegado ao máis macarra. Extrapolen á política, se queren; este artigo tamén é para iso. E quen non son así perderon a batalla do saber contra o poder, do cerebro contra a forza bruta de superheroes forrados de pasta. Aquí, a aquela máxima da mens sana in corpore sano eliminámoslle alegremente a primeira proposición, que por algo empezaba o refrán, e relegamos o saber ao espazo secundario das cousas feas e recortables en época de crise.

Entón chega o Día das Letras Galegas e os intelectuais vense ante a disxuntiva de cultura fronte a fútbol. Fíxense neste calendario no que unha liga emocionante tira máis ca o cacarexado amor pola cultura galega. Porque, en fin, ¿como vai competir o saber cos cánticos dos ultras, as bandeiras e os instintos primarios que saen non sei de onde cando o teu equipo marca un gol? Non, non compite. Sabíano as civilizacións prósperas que lanzaron ao mundo unha imaxe de poder cultural mentres convertían aos superhomes en guerreiros, moito máis útiles ca os deportistas. Claro que nós xa asumimos hai moito que Galicia non prosperará, malia lavar a cara co Día das Letras Galegas. Menos mal que esta decepción miña se ve compensada pola permanencia do Celta en Primeira.