Carta aberta ao sector teatral

Inma López Silva< / span> CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

05 may 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Benqueridos conselleiro, secretario xeral, director da Agadic, xentes do teatro: non aprendemos nada. A crise non ensinou a lección nin a artistas nin a políticos: ningunha cultura existe sen un público que a sosteña, e os malos tempos demostraron o desinterese dos galegos por soster a cultura de seu. Non teñen a culpa os artistas. Tampouco os galegos. E os políticos non son máis ca galegos con capacidade de decisión. Galicia é así, e nós estabamos tan preocupados por construír unha cultura próspera baseada nas certezas da identidade nacional, que esquecemos que, antes ca nada, a nosa arte precisaba un destinatario. Trabucámonos antes ao crer que os públicos virían sós se o Estado axudaba á produción, e erramos agora se coidamos que nos manteremos sen eses públicos. Non aprendemos, en fin, que a cultura galega sufriría menos se non dependese dunha Administración disposta a pagar con ela os pratos rotos da crise.

Por iso me doe ler a convocatoria de axudas da Agadic e ver que volvemos ao modelo de desaprender fomentando desde o Estado só a produción en lugar de promover tamén o consumo. ¿Por que hai medo a garantir con diñeiro público que haxa espectadores en lugar de artistas? Quizais por detrás estea unha sospeita atroz: que os espectadores se erguerían coma os verdadeiros xuíces das artes escénicas en Galicia. Pero eu prefiro que me axuden a convencer a dous millóns de galegos para que vaian ao teatro ca ter que negociar con tres políticos a esmola dedicada ás artes escénicas en cada orzamento da Xunta. Cando os dous millóns de galegos queiran ir ao teatro, os políticos bicarán o chan que pisan os artistas. Así de limitados somos.