Acuso a autores de «best seller»

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

27 abr 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Nas efemérides, moitos artistas poñémonos estupendos e, aproveitando a atención mediática sobre nós, aproveitamos para abandeirar as causas perdidas que tivemos esquecidas todo o ano. É coma a inflación caritativa do Nadal. Non dás unha limosna en todo o ano pero en decembro éntrache a mala conciencia burguesa, e aí te ves chamando, MasterCard en man, a todo canto maratón solidario se televisa. Por iso, no Día do Libro que é, en realidade, a xornada dos escritores e as nosas billeteiras (a pobreza endémica fíxonos perder a vergoña hai moito), temos certa tendencia a entoar os nosos particulares J?accuse, sentirnos Zola por un día, e ficar tranquilos para os 364 seguintes. Claro que nós non corremos perigo de que nos metan no cárcere e nos poñan unha multa de 3.000 francos.

¡No fondo, é tan fácil facer o que fixeron trinta autores (entre eles recoñecidos literatos como Andreu Buenafuente e Risto Meijide)!: axudar ás demandas laborais dos traballadores da Fnac (francesa coma Zola, à propos) sumándose á súa folga do 23 de abril e decidindo non ir asinar alí os seus libros por Sant Jordi. Nada de negarse a vender sempre os seus libros nesa libraría. Nada de vetar a súa publicidade. Nada de anunciar publicamente que deixan de comprar alí. Non vaia ser que deixen de ser autores best seller construídos, xusto, por ese tipo de librarías. Non vaia ser que se fagan permanentes as causas que só parecen xustas un día ao ano. Ás veces, se un non está disposto a pagar o prezo da coherencia é mellor calar e recoñecer que case ninguén somos Zola, nin no literario nin no ético.