Papeis brancos, papeis verdes

Pedro Puy
Pedro Puy FIRMA INVITADA

OPINIÓN

20 abr 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

No ano 1923, dada a incerteza creada entre entre os habitantes árabes e xudeus de Palestina pola previsión incluída na Declaración Balfour (1917) de organizar un Estado xudeu naquel territorio, o Goberno británico, mandatado pola Sociedade das Nacións para a administración dos territorios , encargou un informe reinterpretando o alcance da declaración. Dito informe é coñecido polo nome de quen sendo ministro para as Colonias o encargou: é o «Churchill White Paper».

A denominación callou no Parlamento por excelencia, o inglés que, como se pode comprobar nunha rápida ollada ao glosario de termos incluído na súa web, distingue formalmente entre os denominados «papeis brancos» (white papers), elaborados polo propio Goberno para analizar as políticas a desenvolver no longo prazo, abrir debates nos que os parlamentarios e a sociedade civil expresen a súa opinión, e sentar as bases de posteriores iniciativas parlamentarias; e os «papeis verdes» (green papers), documentos de consulta impulsados polo Goberno, pero elaborados por expertos tanto da Administración como de fóra dela con carácter previo á presentación das reformas legais que se tramitarán no Parlamento. A distinción foi adoptada despois polo Parlamento Europeo: na xerga comunitaria os papeis verdes, encargados pola Comisión a expertos (individuais ou colectivos), céntranse en grandes cuestións que afectan a toda Europa (por exemplo, a enerxía, o cambio demográfico, ou o emprendemento); documentos que posteriormente poden dar lugar a papeis brancos nos que a Comisión enumera as súas propias liñas de acción política.

Verdes, ou brancos, e tanto no Parlamento da máis vella das democracias como no máis noviño que arela a chegar algún día a ser un verdadeiro Parlamento, os informes de expertos son concibidos como instrumentos da democracia participativa, e non como elementos para a confrontación política. As súas suxestións e propostas poden, ou non, ser finalmente incorparadas á normativa, porque a capacidade última de decisión permanece sempre en mans dos responsables políticos democraticamente eleitos; pero centran o debate, melloran a súa calidade, e por elo fan á democracia representativa máis participativa e deliberativa. E houbo un tempo no que a democracia española parecía asumir a importancia da aportación dos expertos á configuración das políticas públicas. Lembramos, como fai Fernando Salgado no libro editado por La Voz sobre Adolfo Suárez, a importancia decisiva que tivo na transición o Programa de Saneamento e Reforma Económica elaborado por Fuentes Quintana, resultado de moitas contribucións elaboradas nas universidades, no Instituto de Estudios Fiscales e no Servicio de Estudios do Ministerio de Comercio; que desembocaron finalmente nos Pactos da Moncloa e na fonda reforma fiscal que a modo de gran pacto social facilitou o pacto político da Constitución de 1978. Outros informes posteriores, como os relativos á reforma da imposición sobre a renda nos 90 ou a reforma da fiscalidade local nos 2000, parecían consolidar os papeis brancos e verdes, aínda que non fosen así denominados, na definición das accións políticas trascendentes. Máis algo ten mudado recentemente, e tamén para peor, en España. Unha perversa metamorfose na que a cor branca ou verde dos papers, máis que para aludir ao seu contido, pretende aplicarse ás facianas dos de enfrente: sexan sobre a reforma fiscal ou a das pensións, utilízanse para facer palidecer ou poñer verde ao rival político. Un novo e orixinal contributo hispano á democracia participativa e deliberativa.