¡Que alguén me explique o de Cataluña!

Inma López Silva< / span> CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

16 abr 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Será que son unha simple escritora, pero teño as meninxes rubias (non loiras) de tanto reler o meu DNI a ver se di se son española, catalá ou mundial. Entendan os meus dilemas. Se «todo o mundo» é España e «os cataláns» son os de Cataluña, segundo o presidente do Goberno de Todo O Mundo, daquela España cre que Cataluña está fóra do mundo, é alieníxena, por tanto, e hai que salvala, civilizala e evanxelizala. Por iso discutimos, ¿non si? Tento seguir o debate, pero leo a Todo O Mundo falar de patrias e aos cataláns falar en inglés; aos demócratas dicir que votar non é democrático, e a demócratas doutro tipo dicir que un referendo é só unha consulta, ou sexa un referendociño; aos legalistas dicir que as consultas son legais, pero que os referendociños convocados polos alieníxenas non o son, especialmente despois de que Todo O Mundo dixera que unha consulta é anticonstitucional, agás o Tribunal Constitucional, que case sempre está no mundo, e que sinalou esta vez que Todo o Mundo está equivocado. Non entendo nada. Será que son parte dese 40 % de españolas idiotizadas polos sucesivos sistemas educativos que nin votaron a Constitución nin lle acaban de ver a graza á transición. Será que teño un cerebro alieníxena nun corpo de todo o mundo. Será que a min me parece que España, por moito que se empecinen algúns, nin foi, nin é, nin será nunca unha nación. Claro que seguramente penso isto porque son parva de remate.