Amores en fuga

Pedro Puy
Pedro Puy PORTAVOZ DO PARTIDO POPULAR NO PARLAMENTO DE GALICIA

OPINIÓN

31 mar 2014 . Actualizado a las 12:31 h.

«Chega un momento no que un ten que decatarse de que as discusións son xa algo máis que discusións. Deixan de ser unha treboada pasaxeira, ou unha tempada chuviosa tras a que volve a saír o sol, e convértense nunha sucesión de días anubrados».

Podemos seguir discutindo. No xurídico, sobre se a Constitución impide o exercicio do dereito de autodeterminación, ou se este se axusta ao dereito internacional. No económico, sobre se a ruptura leva ao empobrecemento mutuo, ou se as partes por separado incrementarían a súa riqueza no entorno dunha economía de mercado globalizada, hipótese xa plantexada entre nós por Ramom Lôpez-Suevos moito antes de que a patentara o coñecido economista Robert Barro. No político, sobre se o racional é a conformación de gobernos multinivel aplicando os principios de subsidiaridade, cooperación e lealdade institucional; ou se compre reforzar o soberanismo concentrando o poder político nos poderes estatais actuais ou futuros. Mesmo podemos discutir sobre a moralidade de rachar coas realidades existenciais que herdamos tras séculos de historia en común. Podemos seguir discutindo, e se o facemos eu defenderei que nin xurídica, nin económica, nin política, nin eticamente a ruptura é mellor que a unidade.

«Pensou na discusión que tiveran. Era a primeira. Máis adiante, creu ver naquela discusión o anuncio de todas as que virían. Pero é moi fácil predicir o futuro cando xa ten sucedido. As parellas fan tantas cousas xuntas que é moi fácil atopar presaxios de todo o que sucederá no futuro, e tamén de todo o que nunca ocorrerá».

As constitucións, como a institución matrimonial, poden describirse como un pacto voluntario entre partes, na que o dereito limita a autonomía da vontade. Como as expectativas de duración de ambos tenden ao infinito («ata que a morte vos separe»), tanto as constitucións como os códigos civís inclúen mecanismos para a resolución equitativa das diferenzas que xorden co tempo. Porque a historia demostra que as constitucións, como os matrimonios, son contratos flexibles e adaptables ás circunstancias que son renegociados constantemente, o que os fai particularmente eficientes, como a teoría económica ten dabondo demostrado.

Os textos máis arriba entrecomiñados proceden dun relato de Bernhard Schlink; incluído no libro Amores en fuga. Narra a historia de amor entre un alemán fillo dun soldado do III Reich, e unha xudía con boa parte da súa familia asasinada en Auschwitz. O home, namorado, e preocupado pola constancia das discusións, trata de recuperar a súa parella circuncidándose en segredo. Tras xacer con ela, a muller nin se decata do cambio na anatomía do home. A media noite el levántase, vístese, e sae da casa coa súa equipaxe pechando a porta «con tanta suavidade que só se oíu un leve clic». Podemos seguir discutindo, e despois resultará moi fácil atopar presaxios de todo o que sucedeu, pero afortunadamente tamén de todo o que nunca ocorrerá. Pero para que non ocorra deberíamos comezar, todos, por esforzarnos en recompoñer a complicidade propia dos amores duradeiros.