Líderes do nacionalismo galego

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

05 mar 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

O nacionalismo galego actual sufre de hiperliderado e algunhas consecuencias parecen ben visibles. Canto máis se hipertrofia o liderado nas organizacións do nacionalismo máis mingua o seu apoio electoral. Semella haber unha relación inversa entre liderado carismático e apoio electoral, o que por outra banda é perfectamente coherente cunha sociedade democrática. Non é asunto exclusivo do nacionalismo, senón que tamén o sufre un PSOE morriñento de Felipe e en certo modo toda a esquerda. O singular do galeguismo político é que os seus líderes históricos non mudaron. Dos tres que gañaron esa posición ao longo dos últimos cuarenta anos como dirixentes das principais correntes políticas do nacionalismo, só Camilo Nogueira carece de poder partidario aínda que as súas ideas e opinións seguen tendo merecida influencia fóra dos ámbitos orgánicos. F. Rodríguez e X. M. Beiras continúan a ser decisivos nas súas organizacións.

Tanto no BNG como en Anova, o papel dos líderes ven de manifestarse crucial nestes días na determinación de senllas alianzas electorais para as eleccións europeas. Nun caso, para o BNG sumarse á candidatura de Bildu, contra a experiencia dos últimos vintecinco anos e contra o empeño en separarse das querenzas pro-HB, hoxe Bildu, daquela minoría que abandonou o Bloque na asemblea do Carballiño. Esta nova escolla mesmo supuxo desbotar ao aliado que tan bos resultados lle deu na última convocatoria das europeas, pois ERC prefire non ter que complicarse con lastres que só a unha parte de Bildu competen, a aqueles que seguiron pensando ata hai pouco que matar ou por bombas era unha práctica política. O obxectivo de ERC é a independencia non os presos nin a solución final dos arsenais. No caso de Anova o asunto foi aínda máis evidente e transparente pois todo indica que o cambio de posición pública de Beiras a prol de acudir con IU ás europeas tivo consecuencias decisivas na decisión final do conxunto da militancia convocada a referendo.

Liderados tan marcados son restos do antifranquismo e das lóxicas da transición, da personalización da política nunha época na que a política personalizábana líderes que asumían as responsabilidades colectivas e tamén as súas duras consecuencias ou organizacións clandestinas nas que o guieiro dos líderes era un faro esencial. Reminiscencias de cando a política era cousa de heroes e non de cidadáns. Hoxe os hiperliderados están a confrontarase ao activismo cívico ou ao simple civismo político de xeracións educadas en democracia, con posibilidades para intervir directamente e capacidades para facelo. Por iso os novos votantes non premian senón que castigan o hiperliderado, non o requiren aínda que ocasionalmente en circunstancias extraordinarias se identifiquen con el. Curiosamente, este non é un problema para o PP, capaz de renovar sucesivamente os seus liderados, independentemente da calidade dos mesmos. O nacionalismo, no horizonte 2020, terá que recuperar a pluralidade de liderados dos anos trinta cando a práctica democrática multiplicaba os representantes sociais e políticos do galeguismo ata extremos aínda non recuperados.