Retallos de alucinacións

OPINIÓN

03 mar 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Sobre a mesa hai moitos retallos de xornais, ben churrusqueiros, ben contendo alucinacións, ben cheos de espellismos... Pode que todos os lembredes, dende aquela operación de «pago en diferido», pasando pola mediación de Santa Teresa a prol deste país, ata aquela «mobilidade exterior», que non emigración, da ministra Báñez... Tamén hai retallos de xornais sobre a alucinante proposición pola que a contestada lei do aborto vai beneficiar a nosa economía, ou do agradecemento da ministra Báñez á Virxe do Rocío pola axuda que lle prestou a España para «saír da crise», berrando alto e forte un «Viva la Virgen del Rocío», co que ela, declarada rocieira, pechou un acto apoteósico en Huelva, en xuño do ano 2012.

Pero un dos máis rechamantes retallos que gardo é o que se refire á orde ministerial, asinada o 3 de febreiro último por don Jorge Fernández, pola que se concede a Medalla de Ouro ao Mérito Policial á Virxe María del Amor, coa que o corpo de Policía comparte os valores de «dedicación», «sacrificio» e «desvelo», como así se fai constar na súa motivación. ¡Que llo conten aos que reciban os paus que procedan!

Santos, bispos e ordes relixiosas teñen sido merecentes de distincións semellantes, dende o bispo emérito de Sigüenza e Guadalaxara, Medalla de Honor da Emigración, á Virxe do Pilar, Gran Cruz da Garda Civil, ou a Orde da Mercede, Medalla de Ouro ao Mérito Social....

Os crentes honestos, que supoño maioría, deben de sentirse aldraxados con estas torpes banalizacións folclóricas das súas crenzas, e a un cústalle entender que dende o propio Goberno non se traten de evitar. Pero o seu non é a finezza política, e menos aínda a cultural. Tiña moita razón Javier Marías cando o cualificou de «iletrado y bárbaro».