Xubílome, non me xubilan

Celso Currás
Celso Currás A NOSA ESCOLA

OPINIÓN

28 feb 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

No ano 1984, a histórica Lei de medidas para a reforma da función pública, obrigaba aos funcionarios docentes a xubilarse ao cumprir os 65 anos. Foise aplicando, de xeito gradual, desde os 70. A maioría dos mestres afectados levaron un grande desgusto, cando se deron conta de que tiñan que retirarse antes do tempo previsto. Dicían: «Non me xubilo; xubílanme». Atopándose con boa saúde, desexaban continuar traballando. As cousas empezaban a mudar, pero aínda estaban satisfeitos cos alumnos, cos pais e mesmo co sistema educativo. Eran respectados e tiñan autoridade. Non regateaban horas de dedicación ao centro docente e gozaban dunha notable autonomía para organizar o traballo na aula. Sabían moi ben o que era fundamental ou accesorio, actuando en consecuencia. A avaliación externa do seu traballo baseábase en tres piares: éxito do paso dos seus alumnos á seguinte etapa educativa, boa inserción laboral ao rematar os estudos, ou capacidade para defenderse con acerto na vida.

Moito cambiaron as cousas desde entón. Hoxe, os docentes poden prorrogar a súa vida activa ata os 70 anos e, sen embargo, un 80 % xubílanse antes de chegar aos 65, sendo case un 50 % os que o fan aos 60. Agora din: «Xubílome, non me xubilan». Nesta decisión poden influír as dúbidas sobre o futuro do retiro anticipado, ou mesmo as reducións económicas. Pero as principais razóns son outras: desencanto co actual estado do ensino e falta de apoio da familia. O profesor ten unha excesiva presión horaria e burocrática. Unha constante loita entre o que considera que debe facer e o que realmente ten que levar á práctica. Sobran contidos e mesmo materias. Resulta imposible centrarse no imprescindible, antes de seguir adiante. Falta potestade para tomar decisións transcendentais sobre a formación básica dos alumnos. Hai intoxicación normativa e, por riba, sometida a permanente cambio. Os que tivemos responsabilidades neste ámbito, temos que recoñecer que non resulta doado escapar desta dinámica. Segue a ser imprescindible un acordo político, polo menos no esencial.

Pero o que produce máis desánimo nos docentes é a falta de respecto dos alumnos e dos pais. A orde e disciplina que esixe a aula atópase cada día máis lonxe da educación que se practica no fogar. A razón tena sempre o fillo e a preocupación empeza cando suspende, non antes. O profesional ao que non lle gusta a docencia atopa na xubilación anticipada unha excelente oportunidade para fuxir. O bo profesor, o que esixe moito de si mesmo, mais tamén dos seus alumnos, acaba tirando a toalla, ao non acadar deles os resultados programados. A esperanza non está tanto nas novas xeracións de docentes, coma no cambio social e educativo, que seguro ha vir.