Xulgar ao xuíz


Hai xuíces insensatos. Igual que hai fontaneiros insensatos, e aturamos. Pero os xuíces teñen a sorte de poder ampararse no medo á Xustiza que xeramos nós mesmos para convencernos de que a separación de poderes existe. Enriba, o mantra que repetimos sobre o respecto ás súas decisións confunde e fai crer a algúns xuíces que son distintos. Mellores. Ou inmortais. Por iso cren que naceron para non seren criticados, eles que gozan dunha rara infalibilidade: a da fe en que hai que estudar Dereito para pór en dúbida as súas decisións.

Como no fondo sabemos que as cousas deberían ser doutra maneira, inventamos os indultos. Non para perdoar a banqueiros que estafaron, a toureiros que conduciron borrachos ou a presidentes de clubs de fútbol que prevaricaron. Non porque errare humanum est. Senón porque algo ten que salvarnos da tamén humana tendencia aos delirios de grandeza. Indultos, logo, para persoas coma os dous sindicalistas que, no día no que participaron nun piquete, bateron cun policía inspirado e, en fin, tras avatares varios e un par de xuíces prexudicados por unha concepción sui generis do Código Penal, foron condenados a tres anos de cárcere. Coma se roubasen ou repartisen sobres cheos de diñeiro negro a cambio de favores. Quizais por iso centos de persoas se manifestaron pedindo o perdón para eles. E tamén xulgando aos xuíces, pois semella que son os que sempre quedan impunes. A non ser que lles pase coma a Garzón, o pimpampún da Xustiza española, e lle metan o dedo no ollo a un par de partidos políticos, a uns cantos colegas e se lles vaia das mans o delirio de grandeza con delincuentes de elite e non con humildes sindicalistas.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
40 votos

Xulgar ao xuíz