Política, frivolidade, infantilismo

X. L. Franco Grande< / span> SOLEIRA

OPINIÓN

17 feb 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

O paseillo da infanta, os pasos que deu dende o coche ata a porta do xulgado, se sorriu ou se deixou de facelo, ao chegar e ao saír..., mereceron máis titulares en primeira páxina e comentarios do que as fames de África, a pederastia, a pobreza crecente que nos invade ou a desnutrición infantil que xa é pan de cada día.

Se Aznar ou Aguirre, ou calquera outro prócer, di unha vulgaridade das súas, coas que acostuman amenizarnos as mañás, (ou non di nada, como o mutis do primeiro na xuntanza de Valladolid), todos os plumíferos do país se poñen en acción, fan suposicións, enchen folios e folios, alporizan o galiñeiro, e un chega a pensar que aquí está ocorrendo algo moi grave -tanto que nos esquecemos das cousas graves e moi graves que estamos padecendo, e as que virán. Non falemos xa dos grandes proxectos do Ministerio de Asuntos Exteriores -a marca España-, cada día máis esfolgaxados pola miserenta política interior (aborto, leis represivas, proa á xustiza penal universal ou aos delitos contra a humanidade, entre outras medidas que nos levan ao escurantismo anterior á Ilustración).

Máis de trinta supostos podería ter elixido para xustificar que a sensibilidade política deste país, en xeral, ten máis de frivolidade, e ás veces de infantilismo, que de política propia dun país moderno. ¿Ou non se tratará dun engado máis para distraer á xente da gravidade dos seus problemas?

Ese camiño non só non vai a ningures senón que nos leva dereitos á catástrofe, se non se encaran os intereses contrapostos da sociedade: o abismo entre a riqueza de poucos e a pobreza de moitos, as cuestións territoriais, a regularización financeira, os paraísos fiscais... Pero non: o paseillo da infanta foi o problema máis vivo deste país.