Celebración da radio

Víctor F. Freixanes< / span> VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

16 feb 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Cada xeración ten o seu medio de comunicación, a súa tecnoloxía, que en gran medida é tamén o seu espazo de socialización. Os que nacemos arredor do ano 50 somos fillos (e fillas) da radio, igual que os nosos país o foron dos medios impresos (os que sabían ler), os nosos avós da cultura oral e os nosos netos da telefonía móbil e o WhatsApp. Non quero dicir que cada nova achega tecnolóxica veña apagar a anterior. En absoluto. Pero cada novo tempo enriquece o que lle precede, e o transforma, ás veces radicalmente.

Dende hai tres anos, por iniciativa da Unesco, celebramos o Día Mundial da Radio, que foi o pasado xoves, e que me pillou en obrigada convalecencia, amarrado na casa por causa dun accidente parvo que me impediu durante estas últimas semanas mesmo atender a miña cita cos lectores. Catro semanas rodeado de xornais e, sobre todo, na compaña marabillosa da radio, coma nos vellos tempos, coma nos días da infancia, coa miña nai, que era costureira, escoitando as radionovelas da tarde, e meu avó atendendo as noticias do parte, compensado polas noites coa sintonía de Radio París. Cando a cousa non funcionaba ou as interferencias impedían a escoita, todo se resolvía cun puñazo enriba da caixa de baquelita, seica para arranxar as lámpadas. Cando viñeron os primeiros ordenadores, os técnicos advertían moi encarecidamente aos usuarios non bater nos aparellos cada vez que se atrancaban, tendencia xeneralizada no país, afeito a manexar a golpes receptores de radio e os primeiros televisores.

Volvín estes días á memoria da radio, obrigado pola pasividade da convalecencia e foi como catar a famosa madalena de Proust, que aviva de súpeto dentro de nós tempos pasados, e felices, porque a memoria é selectiva e tende a quedarse sempre cos mellores recordos. Segundo a Unesco, a radio é nestes momentos o medio de comunicación (e de socialización, repito) máis activo e con maiores audiencias no mundo, mesmo por riba da televisión, que manda nas sociedades máis desenvolvidas. Certo que Internet ocupa cada vez máis espazo. Pero Internet non é exactamente un medio, senón un territorio tecnolóxico no que operan outros medios, incluída a radio que nos meus días de hospital seguía a través do teléfono móbil.

Nos países do segundo mundo, esa parte inmensa do planeta onde as estratexias da macroeconomía sempre pintan doutra maneira, a radio é o vehículo de comunicación masivo (e o máis barato) non só para a información e o lecer, senón para a formación, para a educación social, responsabilidade que ás veces se esquece, sobre todo nestes tempos de consumos primarios. Certo que a nosa infancia e a nosa primeira adolescencia, por máis que a memoria teime nos días felices, foi tempo escuro de ditadura e discursos obrigados. Pero a radio segue aí, chea de posibilidades, e de celebración, tamén na realidade nosa. Difícil entender (e explicar) como a lingua galega non ten máis presenza neste medio de tan doada accesibilidade.