¿Agasallos?... Ninguén dá nada por nada

OPINIÓN

15 feb 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Ese era un dito que axudaba aos nenos de fogar labrego a enfrontarse ao mundo exterior do mercado e do Estado. Un pouco duro pero compatible coa axuda entre veciños e a economía moral comunitaria. A moitos destes concelleiros inxenuos, ou listiños de máis, nunca lles dixeron tal cousa, por iso cando a política comercial baseada na cultura do agasallo cortés se converte en márketing da corrupción, uns non se enteran, non poucos relámbense e algúns asumen que é o choio da vida, sen oficio nin beneficio, de quen nunca traballou. Polo que estes e estas din en privado queda claro que van á política a forrarse sen inxenuidade ningunha. ¡Un clásico! Descubrímolo na peripecia da vicepresidenta de Navarra acusada pola directora da Axencia Tributaria, nese teórico do caciquismo moderno, o tal Liñares, e, con arrepío, no Concello de Santiago, onde a palabra escándalo é acaída.

Non todos os políticos son inxenuos ou listillos, tamén imos sabendo que os hai que para evitar dúbidas devolven todo canto reciben. Hainos si, de sempre. Aínda contan hoxe algúns cronistas de cando o Parlamento galego estaba no pazo de Fonseca. ¡Xa choveu! ¡E non para! Que nas oficinas dun deputado, nos baixos de Raxoi, había unha caixa de botellas de rioxa reserva que nunca se movía do sitio. O deputado non permitía tocalas por máis que algúns ofrecíanse con gusto a retirar aquel estorbo ou abrilas comunitariamente en calquera ocasión festiva. Pero as botellas seguiron alí porque ninguén sabía quen fixera chegar aquel agasallo e por iso non puidera devolvelo como todos os demais. O deputado, curtido na vida empresarial e no antifranquismo, era Camilo Nogueira. Alguén debeu contarlle de pícaro -naceu no 1936- que ninguén dá nada por nada ou aprendeuno.

Non é o mesmo aceptar un agasallo cortés que converterse, mesmo querer converterse, en axente da corrupción. ¿Onde están os límites? Estámolos aprendendo conforme sae a superficie o que xa se supuña ou se sabía e algunhas novidades vergoñentas que imos descubrindo ao fío da investigación. O importante son as consecuencias e sermos quen de construír unha cultura cívica e democrática que faga explícitos eses límites. Polo de agora as responsabilidades políticas non se depuran máis que contra os inimigos do partido. Que non lle digan á xente que non vote corruptos, os partidos teñen que ser os primeiros en apartalos. As sombras das fotos de Feijoo, o ascenso do marido da conselleira ou a traxectoria de Liñares non axudan a pensar en solucións internas. As xudiciais faranse agardar e non sabemos onde chegarán: estamos afeitos a que eses montes pairan ratos cegos. Temos que establecer límites por razóns de moralidade pública que fan isto insoportable, si, pero tamén por razóns de eficacia. Nada hai máis antieconómico para a sociedade que a corrupción.

<span lang="es-es"> Lourenzo Fernández Prieto é catedrático de Historia Contemporánea da USC.</span>