Da corrupción e os seus remedios

Pedro Puy < / span>Portavoz parlamentario do PPdeG< / span>

OPINIÓN

09 feb 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

A corrupción política prodúcese cando alguén aproveita os mecanismos de decisión política en beneficio propio e a costa doutras persoas ou do conxunto da sociedade. É un fenómeno ben coñecido e estudado, alomenos no ámbito da economía política desde os anos 70, polo que sabemos cal son as súas causas, os seus efectos, e como minimizar os seus corrosivos efectos.

As causas teñen que ver, fundamentalmente, coa capacidade do sector público de intervir na economía (a través dos múltiples instrumentos que derivan da natureza monopolística do público: non só nas concesións ou os concursos, tamén nas subvencións e, sobre todo, nas regulamentacións e a fiscalidade) que conlevan redistribucións de renda á marxe da equidade dunhas persoas cara outras; e, parellamente, dos mecanismos legais que rexen a forma de adoptar estas decisións públicas.

Os efectos son fondamente perniciosos, en todas as ordes: os recursos asígnanse mal cando se destinan a obter favores, e non a actividades produtivas, distorsionando os mercados; altérase a equidade; e prexudícase o crecemento económico. Como consecuencia, o capital institucional do grupo social e a confianza no sistema político deterióranse, favorecendo os mesianismos e extremismos populistas de toda caste.

En consecuencia, os seus remedios pasan pola mellora das normas que rexen a aprobación de regulamentación económica e a asignación dos recursos públicos; e elo tanto na fase de decisión, como nas de control e sanción. Séculos de fracasos sociais e políticos, e millóns de mortos, teñen demostrado o van que resulta confiar (exclusivamente) na elección de santos ou heroes para dirixir a cousa pública, esquecendo as características reais da imperfecta condición humana.

Os remedios institucionais (prevención, transparencia, control ex ante e ex post, e sancións) funcionan a medio e longo prazo, porque ademais contribúen a reforzar a moral pública. Pero a curto prazo, e no preocupante momento actual, debemos esixir e asumir as propias responsabilidades en todos os ámbitos públicos. En todos. No político, impulsando reformas, pero tamén actuando nas responsabilidades individuais. No partidario, non contribuíndo a estender prexuízos e infamias indemostradas que alimentan o lume da desconfianza no sistema. No informativo, sabendo destinguir o grao da palla, e o caso particular da situación xeral. E no xudicial, simplemente recordando os dous vellos principios que fan que a xustiza sexa en verdade civilizadora e xusta: a proporcionalidade e a celeridade das actuacións.