O poder de quitar a vida

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

21 ene 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

¿Que pode levar a unha persoa aparentemente corda a crer que matar serve para evitar o sufrimento? Iso é o que declaran moitas nais que matan os seus fillos e foi, tamén, o que dixo o home de Cervo que matou a paus á súa muller e mais á súa sogra. Esa mesma clase de desesperación está tamén en moitos crimes entre anciáns, que, nunha macabra forma de eutanasia, matan antes de que os seres amados sufran.

Non deixo de pensar que esa clase de amor enfermizo quizais serve de excusa para agachar detrás da súa case aparente bondade o máis atroz dos mundos interiores, un extremo egoísmo moi moralista polo cal o asasino, cando mata, preserva as súas emocións e, sobre todo, se demostra a si mesmo un poder ilimitado: o de outorgar a vida ou quitala. Non se trata de que non sufran; trátase de non sufriren eles. E trátase, tamén, de aproveitar esa suposta bondade como cortina de fume dun machismo que arrambla co que se lle pon por diante. Porque, non nos enganemos, é moi macha esa actitude de crerse un Deus capaz de outorgar ou quitar vidas, capaz de mitigar sufrimentos e entrar nas cabezas das mulleres para decidir que poden ou que queren soportar.

¿Sabía todo isto o asasino de Cervo? Probablemente non. El só exerceu un rol que esta sociedade concede aos homes: a responsabilidade sobre a familia, o coidado das mulleres (sempre subsidiarias), a decisión sobre como vivir a vida que eles deciden. De aí, tamén, o peso horrible da conciencia cando o home fracasa. Fracasa el, pero mátaas a elas. Para que non sufran, seica. ¿E sufrirían ou sairían adiante? Sigo dicindo que se sofre máis cando che quitan a vida así de inxusta e brutalmente.