«Patacones» arxentinos

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

07 ene 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

O pobo chámalles «patacones» e os economistas «cuasimonedas»... A Arxentina é unha república federal formada por provincias con Parlamento e Goberno. Un Banco Central emite para todo o Estado Nacional a moeda que por tradición vén sendo o peso, aínda que foi o austral.

Nestes días o Goberno de Corrientes anuncia a posible volta á «case-moeda» provincial para pagar o que debe, mormente soldos aos funcionarios. Con eses patacóns os funcionarios e os seus fornecedores han aguantar ata que se produza a redención polo Estado. Xa no 2003 foron redimidos os billetes que emitiran Buenos Aires, Catamarca, Córdoba, Corrientes, Chaco, Entre Ríos, Formosa, La Rioja, Mendoza e Tucumán.

Agora imaxínese á Xunta de Galicia a complementar as súas contas coa emisión de pesos galegos -subdividibles en pesetas, reais e patacos- de uso autonómico, á espera de que os cartos volvan fluír desde Madrid e que os floteis e outros flotadores axuden a reflotar a economía propia... A De Guindos e Montoro xa non lles pasou pola cabeza emitiren saudosas pesetas complementarias para o pago da extra de Nadal aos funcionarios do Estado, mais na Arxentina mesmo se emiten pesos -non patacos provinciais- para que ningún deles fique sen «aguinaldo». Por iso, se cadra, hai dez anos un dólar valía un peso e hoxe custa dez.