Andreu (non Artur) Mas

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

03 ene 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Seica a base xermánica do inglés é o neerlandés. De aí, vendo en Bruxelas un edificio que se chama De Munt, un pensa en The Mint e tradúcea para o romance ibérico occidental como Casa da Moeda. Por se algunha dúbida ficase, o nome francés certifica o acerto: La Monnaie. Ora, non se refire tal nome ao uso actual do edificio, Palacio da Ópera que acolle o afeccionado cos esplendores propios do tal xénero musical.

Un abonado aos palcos desa artística mansión é Joaquín Almunia, economista que na carreira política chegou a vicepresidente da Comisión Europea. Home atento aos coñecidos, non é raro atopalo a tomar o champán do intermezzo cun colega de sona mundial, profesor de Harvard e da Pompeu Fabra (e bo amigo dun galego, Henrique Sáez Ponte, de vulto entre os do gremio da economía).

Calvo como Almunia, mais con bigote, Andreu Mas-Colell móvese por Bruxelas como peixe afouto en augas bravas: con ter sido secretario xeral do Consello Europeo de Investigación ben lle abondou para o networking. Almunia e Mas-Colell non falan só de sopranos e teores, mais de Cataluña e Europa. Saben ben o que se din. Ambos economizan nas frases.

Por iso Andreu (e non Artur) foi o que se atreveu a dicir que Cataluña -xeración máis, xeración menos- terá dereito a estrela propia no símbolo da Unión.