Un ano vizoso para a cultura galega

Anxo Lorenzo Suárez SECRETARIO XERAL DE CULTURA

OPINIÓN

02 ene 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

O ano 2013 foi vizoso para a cultura galega, que viu como creadores e proxectos foron obxecto de celebración colectiva. A actividade escénica ocupou un lugar central, ao ser Roberto Vidal Bolaño o autor a quen a Real Academia Galega lle dedicou acertadamente o Día das Letras Galegas, o que propiciou unha ampla programación arredor da súa figura e obra. Ademais, cumpríronse 40 anos desde que en Ribadavia prendeu a candea do novo teatro galego da man da Asociación Cultural Abrente, iniciativa que segue viva e dinámica a través da mostra internacional. Os 150 anos da publicación dun poemario clave para a revitalización da cultura galega, Cantares gallegos, lembraron que Rosalía de Castro lle deu un lugar á voz herdada, á palabra decantada colectivamente durante séculos na sociedade galega. Francisco Fernández del Riego, no centenario do seu nacemento, levounos a actualizar o seu labor titánico como emprendedor e divulgador da cultura e lingua galegas nos momentos difíciles da ditadura. E tamén a creación galega recibiu un xusto recoñecemento nos premios nacionais deste ano: Luz Casal, na modalidade de músicas actuais; Miguelanxo Prado, na de cómic; e Manuel Álvarez Torneiro e José María Merino, na de poesía e narrativa, respectivamente.

Arredor destes nomes e proxectos sumámonos, desde as diversas institucións e entidades encargadas de alentar a difusión cultural dentro e fóra de Galicia, para contribuír na construción dese esforzo colectivo que chamamos cultura galega. Recoñecementos, premios e celebracións que singularizan un espazo cultural galego denso e diverso, caracterizado por unha actividade cultural que non se detén, como son bos exemplos o Culturgal ou as feiras do libro de Galicia. E que chega a todos os recantos do país, que flúe en todas as direccións mediante unha sociedade civil activa, implicada e participativa. Con equipamentos bibliotecarios, museísticos e arquivísticos cunha demanda social crecente; con proxectos de dimensión internacional, como MICAtlántica ou a participación de Galicia nas principais feiras internacionais do libro; con iniciativas cara á industria cultural, como a feira profesional das artes escénicas (Galicia Escena PRO) ou as axudas á produción e desenvolvemento audiovisual; e con iniciativas como a biblioteca dixital galega, Galiciana.

Tamén foi este un ano en que persisten dificultades e retos: para os diferentes sectores da cultura, que teñen limitacións de financiamento e están a recompoñerse para afrontar o novo escenario socioeconómico; para as Administracións, que seguen a axustar orzamentos en que se priorice o mantemento dos equipamentos culturais básicos e das principais convocatorias e programas; e para a sociedade e familias, que teñen menos capacidade de gasto (tamén en cultura) e que agora deben colaborar máis activamente no seu financiamento.