Os malos tempos para a lírica


O 2013 foi un ano de fitos que rematou coa morte dun grande do pop. Hai trinta anos que Germán Coppini e Golpes Baixos se vestiron de mulleriñas de pano na cabeza para a portada dun disco memorable da xeración que non votou a Constitución, da primeira que foi moderna sen complexos. Por iso titularon Santa Compaña aquel disco porque, como dixo Coppini, ollaban para si mesmos e o Vigo que tiñan arredor mentres a música madrileña non paraba de buscar refrendo anglosaxón «... por iso eramos os máis modernos de todos». Unha época de máis crise e paro que hoxe pero na que o futuro era tan próximo como posible. Eles foron os seus poetas. Só dez anos antes do disco de Golpes, en 1973, o golpe de Pinochet liquidou a esperanza democrática e socialista de Allende, marcando aquela xeración: precisamente o último disco de Coppini foi unha homenaxe a cantautores latinoamericanos, con V. Jara e V. Parra á cabeza.

Outro fito de modernidade galaica foi hai cen anos a fundación do Ribadeo F. C. Que nunha vila do Cantábrico galego poida celebrarse o centenario dun clube deportivo informa ben da fondura dos cambios duns bisavós capaces de ir cos tempos, porque contra o que poidan pensar non se trata dunha anécdota nin dunha reliquia.

Como tampouco é unha anécdota ?aínda que pasou máis desapercibida? que este ano se cumpriran os 90 da constitución do Seminario de Estudos Galegos, unha institución académica única e orixinal que vinculou ciencia, cultura, galeguismo e universidade e construíu unha interpretación deste país da que aínda seguimos vivindo e que dista de ser superada ou actualizada. Da pluma daqueles mozos saíu a concepción da historia, da política, da xeografía, da etnografía e da ciencia que aínda temos en Galicia.

Neste ano que se vai cumpríronse tamén 70 anos da vitoria de Stalingrado fronte aos nazis que mudou o curso da Segunda Guerra Mundial e da historia universal. Un fito decisivo na configuración do presente que evitou o triunfo do fascismo e o militarismo, lémbranos que a guerra ?mal que nos pese? seguiu sendo parteira da historia e demostra que a evolución da humanidade e da civilización non é unha marcha segura e inevitable cara o progreso dun mundo mellor. Só vinte anos antes, en 1923, cando Mussolini cumpría o primeiro ano do poder fascista en Italia, o capitán xeral de Barcelona, Miguel Primo de Rivera, reclámalle ao rei formar Goberno e pechar o Parlamento, rematando con nove décadas de parlamentarismo e dando comezo á primeira ditadura española do século XX. Sobre todo rematamos o centenario de 1913, un ano feliz nunha época de avances tecnolóxicos incribles, cando ninguén imaxinaba o que estaba a piques de suceder ao ano seguinte, a resultas dunha longa xeira de globalización, das necesidades enerxéticas da segunda onda da industrialización (a do motor de explosión, o triunfo da química e o anuncio da xenética) e do choque dos vellos imperios coas novas nacións e das vellas clases privilexiadas coas novas ansias de igualación de operarios e campesiños. Todo o noso presente empezou vai haber cen anos coa Primeira Guerra Mundial.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
14 votos

Os malos tempos para a lírica