25 anos de novela

Víctor F. Freixanes< / span> VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

22 dic 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

O pasado venres celebramos a nova novela de Anxos Sumai, A lúa da colleita, premio García Barros, que se entrega todos os anos por estas datas na vila da Estrada. Van 25 anos dende a primeira convocatoria: Manuel Forcadela, Paisaxe con muller e barco (1989). Un cuarto de século de narrativa galega contemporánea. Vintecinco títulos e vintecinco autores que, ollados con perspectiva, conforman o relato da nosa literatura máis recente: asuntos, estilos e tendencias dun xénero que durante todo este tempo non fixo máis ca medrar e ocupa na actualidade a principal atención dos lectores. A novela de Anxos Sumai confirma unha derivada que enriquece poderosamente a realidade: as mulleres narradoras. Unha ollada nova sobre o mundo. De dez anos para acó as mulleres protagonizan dun xeito especialmente brillante a nosa produción literaria.

Vintecinco anos de narrativa galega. ¿Para que serven os premios lierarios? Para romper o silencio. Para construir e afortalar o sistema. No mes de xuño, contra o San Xoán, fallarase o Premio Xerais: 30 anos de historia, dende aquel primeiro Crime en Compostela de Carlos Reigosa. Contra finais de ano entrégase o Premio Blanco Amor, o máis antigo de todos, 33 anos. Inugurouse en 1981 con A vila asuladaga, de Daniel Cortezón (1981), iniciativa feliz dos concellos de Galicia que, todos xuntos, con pequenas achegas, conformaban unha proposta nova, solidaria e extraordinariamente estimulante para os creadores da palabra. Repase o lector títulos e autores: Xosé Miranda, Riveiro Coello, Xavier Queipo, Miguel Anxo Fernánfez, Santiago Jaureguízar, Xosé Carlos Caneiro, Xosé Monteagudo, Fran Alonso, Miguel Suárez Abel, Francisco Castro, Marilar Aleixandre, Rosa Aneiros, Inma López Silva, Sechu Sende, Xavier Alcalá, Suso de Toro, Darío Xohan Cabana, Rexina Vega, Teresa Moure? Practicamente todos están (estamos) aquí.

Nestas tres décadas que celebramos, a narrativa galega acadou sen dúbida a súa maioría de idade: novela histórica, novela psicolóxica, novela realista, novela de xénero, novela negra, novela fantástica, novela feminista, novela lírica, narrativa experimental, xornalismo ficción? Se engadimos a experiencia da narrativa para os máis novos (o Premio Merlín, 1986, é o máis representativo), dispoñemos na actualidade dun corpus literario de primeiro nivel que confirma unha realidade obxectiva: o relato do que somos e do tempo que vivimos (e soñamos).

O pasado venres, a Estrada converteuse un ano máis na capital literaria das nosas letras. Díxeno algunha vez e repítoo agora: o difícil non é poñer a andar unha iniciativa, o realmente meritorio é facela durar, continuala, mantela viva durante ese cuarto de século, estas tres décadas, que son tamén as décadas da liberdade, a democracia e a autonomía. Benzóns para todos. Para os que fan posible esta continuidade, para os autores e autoras que a alimentan, e para os lectores, moi principamente para as lectoras e os lectores, que son os que verdadeiramente a sosteñen e xustifican.