Novagalicia e a batalla polo futuro

Xavier Vence TRIBUNA

OPINIÓN

18 dic 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

N estes seis anos de crise vimos pechar cada mes centos de negocios e pequenas empresas. O Goberno central e a Xunta de Galicia decidiron mirar para outro lado e poñer todos os recursos da sociedade para salvar a gran banca e as grandes corporacións convertidas en sanedrín e Goberno na sombra.

O círculo vicioso da desfeita foi arrastrando tamén as empresas medianas e grandes, con caídas de vendas, despedimentos e ERE cada vez máis frecuentes e graves. Ao final as principais empresas do noso sistema produtivo están en creba, en vías de peche ou de venda por liquidación ao mellor cazador de gangas, español ou internacional.

Causa arrepío e indignación ver como os que gobernan o país parecen non sentirse responsables da desfeita. O discurso do libre mercado parece o placebo que xustifica o desleixo, a irresponsabilidade, o desgoberno ou a entrega do goberno e da caixa forte dos recursos de todos nós aos grandes lobbies.

No burato do rescate da banca especulativa van comprometidos a friolera de 185.000 millóns de euros de toda a sociedade, entre capital, créditos a fondo perdido, «banco malo», avais, garantías, etcétera. Iso equivale ao 18 % do PIB español, que contribúen a levar a débeda pública a ese nivel en que hoxe está: o 100 % do PIB.

Disque ía fluír o crédito, pero o único que flúen son os movementos especulativos e os pelotazos da gran banca, a hiperconcentración bancaria e as remuneracións multimillonarias. A voracidade centralizadora varreu coas nosas caixas e con Novagalicia Banco (NCG), nun proceso decidido en Madrid, cos ritmos e as regras que lle interesan a Madrid. Rajoy decide salvar Bankia pero liquida NCG. Iso si, co silencio cómplice de Feijoo.

Desde o BNG non podemos aceptar o espolio de NCG, rescatada cos nosos impostos e cos nosos aforros. Nada menos que 9.000 millóns de recursos públicos -contía superior ao orzamento anual de Galiza-, aos que hai que sumar os 564 millóns roubados polas preferentes e subordinadas non devoltos, e aos que tamén hai que engadir os 2.300 millóns de euros de beneficios fiscais e os 2.200 millóns de activos fiscais, nun proceso de venda con evidente dilapidación de recursos públicos, e mesmo con sospeitas de malversación e prevaricación.

Galiza non pode renunciar a ter un sistema financeiro propio, sen prexudicar gravemente o seu futuro. A nosa economía produtiva terá difícil reflotar sen el. No BNG xulgamos que a mellor garantía é unha banca pública galega, para tratar os aforradores como persoas, e garantir o uso dese aforro para dar crédito e investir no país. Como en Alemaña ou Cataluña. ¿Por que nós non?

Xavier Vence é portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego