Despois de Mandela

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

15 dic 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Dá un certo arrepío ver e escoitar os señores da política arredor do corpo insepulto, o símbolo que se despide e que a historia sen dúbida axigantará. Axigantará e deformará, segundo veñan as conveniencias, porque así se escribe o discurso: cada causa levanta a súa bandeira, cada razón ten o seu rostro. Pero ás veces se nos escapa, coma a auga escorre entre os dedos, e acaba non sendo noso, neste caso dos case 53 millóns de homes e mulleres da República Sudafricana (o 80 % xente negra) ou mesmo da negritude toda que loita pola dignidade, a igualdade de dereitos, a construción dunha sociedade máis xusta para os seus fillos e os seus netos, arredor dun mesmo proxecto integrador, que tal era (e aínda é) o que a figura de Nelson Mandela representa.

Dá un certo arrepío, digo, escoitar as declaracións e os discursos dos señores da política (os donos do mundo) que din unha cousa e logo fan outra, porque ao final as razóns de Estado acaban impoñendo sempre os seus intereses, que son os intereses do negocio e da economía, e as palabras as leva o vento, como os titulares dos xornais. Flor dun día. E ao mesmo tempo, conmove (e impresiona) o pulo social, esa onda poderosa de emoción e afecto que a desaparición física do líder acende na xente do común, os homes e mulleres aos que antes me refería, orfos de quen foi o seu guieiro e temerosos, sen dúbida, do que lles poida deparar o futuro, porque a vida continúa (e os problemas forman parte da vida).

Di Bertolt Brecht, no seu Galileo Galilei: «Coitado o país que precisa de heroes». En determinados períodos da historia, os heroes (os símbolos) son necesarios: mobilizan, activan, aglutinan. Pero ao mesmo tempo nos cegan, agochan a realidade que eles mesmos denuncian, envolvéndonos nunha especie de espellismo emocional que nos neutraliza. O póster e a efixie do Che Guevara, que activou a revolución social da América Latina contra os depredadores, acabou comercializado pola industria do capitalismo que tanto combatía, e mesmo polos seus compañeiros de revolución, cos que ao final mantivo profundas diferenzas.

¿E despois de Mandela que? Ese é o desafío. Os heroes son necesarios, pero a estabilidade do modelo social e das propostas que nun momento determinado encarnaron é outra cousa. Atentos a Sudáfrica. Atentos á actuación da política internacional (moi especialmente ás corporacións e intereses transnacionais que operan na economía da globalización) unha vez que se esvaeza a retórica das grandes palabras. Atentos aos continuadores de Mandela, instalados no poder sen o carisma do líder desaparecido.

A lección do heroe é o seu exemplo, mais as sociedades (e os modelos) afírmanse e maduran nas institucións, na prosa de cada día, na solvencia e eficiencia dos sistemas, que seguramente non son tan efectistas, nin tan espectaculares, pero que son os que sosteñen o edificio. O difícil empeza agora. E isto tamén serve para a casa nosa, que andamos ás veces a pedir milagres que nos resolvan o que nós (a cidadanía) non somos quen de resolver.