Se che pegan, deféndete

Marina Mayoral< / span> PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

25 nov 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Vén de facerse público un informe do Goberno sobre igualdade e prevención de violencia de xénero referido ao adolescentes. Os datos son preocupantes e parece que vamos a peor. Case un terzo das adolescentes sofren algún tipo de control ou imposicións por parte das súas parellas e un tres por cento confesan ter sufrido agresións físicas. No informe aparecen datos que vinculan esa violencia ao comportamento dos adultos que transmiten a idea de que os celos son unha expresión de amor, idea errónea e de nefastas consecuencias.

Tamén se recolle que nunha porcentaxe moi alta os adolescentes oíron no seu entorno adulto un consello formulado así: «Se alguén che pega, pégalle ti». Do contexto dedúcese que é un mal consello que incita á violencia, pero eu pregúntome cal é a resposta correcta: ¿poñer a outra meixela, como recomendan os Evanxelios? ¿Se está na escola, correr a dicirllo á mestra e cargar co san benito de acusica?

A min paréceme que non hai que insistir na idea de pegar, a que os nenos, por instinto, xa tenden, senón na idea da defensa, que é moito máis ampla. Un bo consello pode ser: «Se che pegan, deféndete». Esa defensa inclúe tanto a denuncia como o correr para poñerse a salvo, se o caso o require. Pero, se as forzas están igualadas, tamén pode incluír unha boa patada ao agresor que, ao mellor, pénsao dúas veces antes de volver a agredir.