O barco fantasma


Déronme ganas de facer coma quen que a sentenza sobre o Prestige non existiu, xa que, segundo ela, por pouco non houbo tampouco tal petroleiro, e todo o que pasou non foi máis ca o produto da paranoia colectiva das galegas e dos galegos, este pobo, ¡ai! con tanta tendencia á fabulación. Non houbo barco; moi ben, pois tampouco houbo sentenza, pensei eu sentada fronte ao ordenador decidida a verter sobre o asunto o máis cruel dos silencios xornalísticos. Pero o silencio dunha sentenza idónea para unha instrución perfectamente artellada para que non aparecesen os culpables non borra a memoria da angustia, nin moito menos a imaxe do mar noso convertido nunha balsa de chapapote na que afogaban os peixes negros, na que esvaraban as gaivotas negras, na que se afundían os cascos das dornas que querían loitar con redes negras contra o mal feito mar. Non. Algunhas non esquecemos. Outros quizais si, aqueles que se deixaron mercar por uns cantos paseos onda o mar e por unhas cantas praias asfaltadas, os mesmos que decidiron que xa todo dá igual porque, total, para que pagar por cousas que sucederon (se é que sucederon) hai once anos. Os mesmos que cren que as catástrofes ambientais nin son catástrofes nin son nada, porque, total, non houbo baixas. Ás veces unha pensa que case era mellor que morrese alguén, a ver así quen ousaría mirar para outro lado. Ás veces unha pensa que os pobos teñen os sucesos que merecen, pero Galicia como terra e natureza non ten a culpa de toda a súa galeguidade.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
27 votos

O barco fantasma