Deportistas

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

24 sep 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Se es deportista, pero non dos que xogan ao fútbol, tes que ser o número un para que se fale de ti. E ás veces, nin así.

Así puidemos saber quen era Rafa Nadal. Por iso un día escoitamos falar de Gervasio Deferr, ou de Mireia Belmonte, por poñer algún exemplo. Fernando Alonso podería ser outro dos que comentar neste caso. E agora, Javi.

Gómez Noya vén de regalarnos un campionato do mundo dos que fan historia. Coma principal contrincante, o seu rival habitual, contra o que Javi non desfaleceu. Estivo a loitar ata o último segundo. E nunca mellor dito, porque conseguiu proclamarse número un no esprint final da carreira. Si, como o oen. Despois de todas as probas, nos últimos minutos aínda tiña folgos suficientes para correr máis ca ninguén. Un superhome: por se alguén non o sabía xa, agora non poden quedar dúbidas.

Temo que, de non ser por este espectáculo, e por acadar o número un, nas noticias só aparecería o seu nome mesturado entre o gol do partido do domingo, ou do luns.

Javi, resiste. Non só na carreira, tamén neste mundo tan desigual. Porque os que sabemos de ti, sentímonos orgullosos de ter por representante do deporte un rapaz tan traballador, e sobre todo, tan sinxelo e discreto. Todo un exemplo.