Un banco nas rebaixas

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

22 sep 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Q uen me ía dicir a min que nas rebaixas ía atopar un banco. Non un banco dos de sentarse, senón un dos outros, dos de diñeiro, un deses que xa non se estilan: pequeniño, popular, coas súas indemnizacións millonarias e a súa burbulla inmobiliaria. Cuquiño pero pasado de moda, a verdade. Eu preferiría un gran banco ou, xa postos, unha empresa puntocom, pero o que quedaba nos saldos de agosto non era máis ca este banquiño galego de nome impronunciable. Se cadra, por iso está de saldo: entre o nome, as fotos feas dos políticos e a débeda en tixolos, quen o merque ten que ser un gran amante dos bancos. Ademais, ten unha pequena tara polos baixos, cunha chea de clientes cautivos manifestándose por un engano coa composición dos tecidos, pero nada que non se poida arranxar cun pouco de maña, ou cortando polo sano. Así, en vez dun banco longo, quédache un banco curto, de cocktail, para as festas elegantes pero informais.

Xa me estou cegando. Se me teñen dito que nas rebaixas hai que mercar só o que unha necesita e, a fin de contas, ¿para que quero eu un banco de nome impronunciable? E ademais..., ¿permitirán devolucións? Porque mira que se non me afago ao fato de preferentistas berrándome a diario na porta da casa e a unha chea de pisos baleiros que non dou vendido... ¿Non será mellor facer a pedicura e mercar unhas sandalias? ¿Quen quere un banco de nome impronunciable podendo mercar zapatos?