Non gratos

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

No Concello de Vigo veñen de declarar «persoa non grata» a un simple comisario da UE chamado Joaquín Almunia. Eu sempre preferín o adxectivo ingrato para estes casos que teñen certos parecidos coas telenovelas venezolanas. Imaxinen a Abel Caballero, con lágrimas nos ollos, berrándolle a un Almunia con cadeas de ouro ao pescozo: «¡Ingrato!». Pero coido que o pleno do Concello quixo darlle outro senso, xa que, polo visto, despois de anos dunha xestión algo nefasta do sector naval, o culpable da súa caída será Almunia. Quizais a vostedes xa lles esqueceu o porqué: ¿lembran aquilo do tax lease que hai unhas semanas era unha afrenta irreparable? Trala tempestade vén a calma e, seica, mentres esperamos a que todo Vigo quede no paro, o mellor que podemos facer é andar declarando persoas non gratas nos nosos plenos.

Na miña opinión, habería outras prioridades para a ingratitude viguesa. Sen cambiar de tema, por exemplo, os especuladores aos que lles entrou sospeitosamente a responsabilidade sobre o naval só cando se lles falou dunha dubidosa exención fiscal.

¿Que esperar dun pleno para o que aínda son gratos o aiatolá Jomeini, o xenocida centroafricano Bokassa I, todos os comisarios de pesca da UE, e mesmo Makelele, o condutor temerario que xa matou a dous vigueses? Pero, en fin, Caballero preferiu propor non grato ao seu colega do PSOE Almunia, a quen debe de estar dándolle a risa ante tanto despropósito. Pero os despropósitos adoitan mover unánimes multitudes, mesmo doutros partidos políticos que, mediocres, non se atreven a cuestionar os populismos, non vaia ser que sigan perdendo unhas eleccións tras doutras.