Terrorismo e outros terrores

OPINIÓN

01 jul 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

C omo contrario á razón e á democracia, o terrorismo é rexeitable. Tamén é contrario á natureza humana: ao ser humano foille dada a palabra para relacionarse e entenderse. A razón para o discernimento e a democracia para a convivencia. O terrorismo é a negación desas calidades.

No noso tempo teñen xurdido terrorismos que non están tipificados en ningún código, pero que orixinan tantos danos e desfeitas como o que en xeral coñecemos por terrorismo. O terrorismo de Estado -Guantánamo-, ou o terrorismo financeiro -as quebras bancarias, as preferentes e subordinadas-, que tanta miseria nos trouxo, son formas inequívocas de terror moi difíciles de combater, como a experiencia nos ensina.

Pero hai outras formas de terrorismo, ao mellor non tan sutiles, como poden ser as acusacións de terrorismo dirixidas polo poder contra os que non fan outra cousa que defender os seus dereitos, porque o poder non está disposto a aturar as reivindicacións daqueles que non se sinten representados polos políticos. Exercer o poder desa maneira, non hai dúbida de que tamén pode ser terrorismo.

En España empezamos a saber un pouco de todo isto, e así vimos como os que se revolven contra hipotecas abusivas, ou que defenden a lei do aborto, chegaron a ser emparellados cos terroristas de ETA; e algo semellante ocorre cos que se opoñen a lanzamentos que coidan abusivos. É visto que as nosas autoridades son moi pouco demócratas e máis ben autoritarias.

Cando se tensa a corda por demais, o lóxico é que rompa. E ténsase por demais se a razón, a capacidade de diálogo -a democracia, ao cabo- se baleiran de contido por motivos de orde pública, ou semellantes. Porque entón, e xa hai que estar cegos para non velo, estaremos xustificando ou propiciando o terrorismo.