Un verdadeiro político

X. L. Franco Grande< / span> SOLEIRA

OPINIÓN

10 jun 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Hoxe xa non están en Europa os verdadeiros políticos. Hai que procuralos nos países emerxentes, no Brasil, por exemplo. Penso en Lula, na súa claridade de xuízo, no seu realismo político, na súa capacidade para caletrar nos problemas dunha sociedade complexa, moderna e con tanto porvir.

Nunhas moi ilustrativas manifestacións feitas a Emir Sader e Pablo Gentili, con destino a un libro colectivo sobre os dez anos de goberno do seu partido, no que se refire a problemas tan vivos como o exercicio da democracia, a estreita relación entre produción e consumo ou o acerto en distinguir entre o necesario, o posible e o imposible, os seus xuízos distan moito ou nada teñen que ver cos criterios e dogmas que imperan na política europea.

Lula pregúntase que crecemento pode ser aquel que non permite que a xente poida comprar o que é producido dentro do país, e defende a súa política distributiva que apreixa na frase pouco diñeiro nas mans de moitos é distribución de renda e moito diñeiro nas mans de poucos é concentración de renda. Nega que a exportación sexa a solución, pois non se gobernaría máis que para o 35 por 100 do país. O contrario do que hoxe padecemos entre nós.

Asegura que lle dá medo que se chegue a desprezar o exercicio da democracia e que se vaia a unha ditadura dun partido sobre os demais: aínda cando se ten maioría numérica é importante que con humildade se exerza a democracia xa que é a maneira de consolidar as institucións dun país. ¡Como para que llo digan ao señor Rajoy!

Penso que está moi xustificado o seu optimismo de ter levado o país a ser referencia no mundo, que non só sexa coñecido por Pelé e o carnaval e por ter recuperado «o prazer de ser brasileiro, o gosto de amar o nosso país».