Carta a Alonso Montero (para abrir un debate)

Víctor F. Freixanes< / span> VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

09 jun 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Querido profesor e amigo: concordo basicamente co que dis no teu artigo de onte en Culturas. Tampouco é a primeira vez que falamos destas cousas. O galego como lingua de instalación, lingua de identidade e de uso non só no ámbito oficial e litúrxico, mais tamén no ámbito privado: na familia, cos amigos, na socialización do lecer, no amor... A lealdade ao idioma, en definitiva. Algo terrible arrastra este país que ten que discutir estas cuestións: dispoñer dunha lingua propia e maioritaria, patrimonio do que moi poucos pobos poden presumir, e que a teñamos atrancada desta maneira. Na aldea onde vivo os paisanos falan aos seus fillos pequenos en castelán, aínda que os pais entre eles falen galego, e aínda hoxe cando lles preguntas por que seguen a manter esta práctica (con trinta anos de Lei de Normalización Lingüística, coa CRTVG emitindo dende 1985, co discurso institucional maiormente neste idioma) responden aquilo de que «é a lingua na que van ter que vivir» (sic). Así me contestou unha veciña amiga non hai moito.

Ollade as discotecas, os espazos de relación da nosa mocidade, as ofertas de lecer e de consumo, o discurso da publicidade, a radio, a televisión, os xornais, a representación dominante dos espazos urbanos, a Igrexa, a xudicatura (con honrosas excepcións que se contan cos dedos dunha man), as notas necrolóxicas, as oficinas dos notarios? Cando non domina exclusivamente o castelán hai que facer un esforzo de vontade (un acto de afirmación cívica) para esixir o dereito a ser recibido e atendido en galego. Cada galegofalante consciente vese obrigado a se converter nun militante da causa, día e noite, sen claudicar.

Concordo basicamente co teu artigo. Mais fágome unha pregunta coa que quixera ir máis aló. Unha pregunta e unha consideración previa, para non desenfocar a cuestión. Todo o que acabo de describir é o resultado dun proceso histórico (unha ferida de séculos) que deixou marca profunda no noso ADN colectivo e, xa que logo, nos comportamentos lingüísticos do conxunto da sociedade. A doma e castración non foi un invento. Ocorreu. Os que desta maneira actúan son as vítimas dunha situación, non os responsables (agás os que predican unha cousa para a galería e fan outra por detrás).

A pregunta, que quixera ser autocrítica, é a seguinte: ¿Cantas cousas fixemos mal (ou non fixemos ben) nestes trinta anos de democracia, autonomía e capacidade de decisión, mesmo cunha presenza importante da lingua galega no sistema, para que os varios centos de rapaces e rapazas que estes días se están a licenciar nas facultades de Galicia, agás excepcións, que tamén as hai, non sintan seu o idioma dos pais e dos avós, senón como algo burocrático, litúrxico, acaso respectable, pero non para o seu uso común (do que ti falas), distanciado da práctica e do universo cotián que eles habitan? ¿Que responsabilidades temos os que levamos décadas comprometidos con esta causa (ademais dos que durante máis de 26 anos nos veñen gobernando)? ¿Que non fixemos ben?