O imperio da violencia

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

E n Londres, en plena rúa e de día , un soldado foi degolado por dous supostos terroristas. En Santiago de Compostela, na madrugada do domingo, un home de corenta e tres anos, que ía tomar a un pub «a última da noite» cun amigo foi salvaxemente agredido por un fato de rapaces que lle destrozaron a cara. Os terroristas de Londres dicían que actuaban en nome da xustiza: «ollo por ollo», e xuraban por Alá que endexamais deixarían de combater. ¿A quen? Hai que pensar que aos que non pensan como eles. Os rapaces de Santiago non foron aínda detidos e non sabemos que dirán, pero si o que dixeron antes: chamáronlle «avó» ao agredido e dixéronlle que marchase a facer calceta coa súa nai. Fóra agardárono para atacalo e, cando perdeu o sentido co primeiro golpe , dedicáronse a romperlle o nariz, a mandíbula e a mazarlle os ollos. O agredido non os coñece, nin ten idea de por que o atacaron. Quizá non houbo máis motivo que o de marcar territorio: era un pub de xente nova e aquel home podería ser seu pai.

Dunha parte o fanatismo irracional que xustifica o asasinato, doutra a violencia gratuíta e igualmente irracional. E no medio xente coma min, como vostedes, como os nosos fillos e netos, como os nosos amigos; xente inocente e indefensa que só pode confiar na boa sorte ou na divina providencia para non ser un día titular dun periódico como vítima da violencia.