Uns datos sobre o suicidio e a crise económica


A s teorías clásicas do suicidio enxergaron as relacións entre a crise e o suicidio de xeito precoz. O propio Durkheim, o pai da socioloxía e o primeiro estudoso científico do suicidio, propuxo que as situacións de cambio social rápido, produtoras de anomia, aumentaban o risco suicida. No mesmo senso e de especial aplicación á actualidade é o estudo de Sainsbury (1971) sobre o suicidio en Londres, quen sinalaba que o risco aumentaba especialmente cando había un cambio de nivel social cara á baixa e cando este cambio era repentino, exactamente o que ten sucedido no noso país.

O aumento do desemprego na Gran Depresión conlevou un aumento dos suicidios nos homes en Gran Bretaña, do mesmo xeito que a creba de bancos en EE.?UU. no mesmo período relacionouse cun aumento da mortalidade por suicidio (Stuckler e cols., 2012).

Noutras latitudes ben distantes, na crise económica do surleste asiático da década dos 90, o número de suicidios atribuíbles á crise en Hong Kong, Xapón e Corea estimouse en perto de 10.000 mortes (Chang e cols., 2009), e máis achegado a nós, en Grecia o suicidio subiu no 2009 un 17 % en relación co 2007, mentres que datos non oficiais citados no Parlamento grego falaban dun aumento no 2010 con respecto ao 2009 dun 25 %. O Ministerio de Saúde grego informaba que no 2011 no primeiro trimestre produciuse un aumento do 40 % con respecto ao mesmo período do 2010 (Kentikelenis e cols., 2011). Grecia era, xunto con España e Portugal, un dos países de Europa con menor taxa de suicidios antes da crise.

É sabido que o desemprego multiplica por dous ou por tres o risco suicida, incluso naqueles que están libres de enfermidade mental, nos que o risco aumenta ata nun 70 % (Gunnell e cols., 2009). A relación entre desemprego e mortalidade está ben descrita na literatura e un estudo estatístico que modeliza esta relación a nivel paneuropeo acha que un aumento do desemprego nun ano que supere o 3 % provocaría un 4 % máis de mortes por suicidio e un 28 % máis de mortes por alcoholismo, sempre expresado como aumento con respecto á taxa previa de cada país (Stuckler e cols., 2009).

Todavía non temos datos sobre España, pero sabendo que noutros países, ou noutras crises previas, produciuse un incremento evidente, e que epidemioloxicamente as situacións de desemprego e de falta de saídas conlevan un incremento de depresión e consumo de alcohol, e un incremento nas rupturas ou crises de parella, tres dos factores máis podentes cara o incremento do risco suicida. Dadas pois estas circunstancias, non parece aventurado supoñer que a nosa poboación vaise comportar de xeito análogo ás do resto do mundo e que as taxas de suicidio, especialmente nos homes, aumentarán, aínda que os lazos familiares e sociais funcionen máis que noutras latitudes coma áncoras protectoras perante esta marea silandeira.

De feito un estudo recente (Gili e cols., 2012) indica que comparando o ano 2006 co 2010, nunha enquisa realizada a uns 7.000 pacientes de atención primaria, a prevalencia de depresión aumentou en España nun 19,4 %, a ansiedade nun 8,4 % e a dependencia alcohólica nun 4,6 % e que, independentemente do risco de desemprego, o risco de depresión maior aumentaba de xeito significativo cando había dificultades de pago das hipotecas e tamén nos desafiuzamentos.

A pesar de todo este escuro panorama, cómpre salientar que circunstancias similares se viviron noutros países e que naqueles nos que as políticas de protección se mantiveron, como Finlandia ou Suecia, o impacto das crises foi menor (Gunnell e cols., 2009). Nos Estados Unidos, por exemplo, a nivel histórico unha das variables máis influíntes cara á predición do risco suicida entre estados, unha vez controlada a renda per cápita e o índice de divorcios, é o gasto social per cápita, aumentado o risco suicida naqueles estados onde o gasto social era máis reducido (Zimmerman, 1995).

Por todo isto, nun recente artigo da revista da World Psychiatric Association (Wahlbeck & McDaid, 2012) recórdase que as medidas de protección social en xeral, e particularmente os servizos de saúde mental a nivel comunitario, os programas de búsqueda activa de emprego, de apoio ás familias e de conciliación familiar, de control do consumo de alcohol e os programas de alivio ou xestión das débedas son a pedra angular do éxito nas políticas de saúde mental nos momentos de crise económica.

Por Alexandre García Caballer Psiquiatra

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
12 votos

Uns datos sobre o suicidio e a crise económica