Dúas celebracións

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

12 may 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Non deixa de ser feliz coincidencia que o 17 de maio, o Día dos Cantares, o Día das Nosas Letras, veña cadrar coa celebración do Día Internacional das Telecomunicacións, Día Mundial da Sociedade da Información, data que moi recentemente, no ano 2006, estableceu a Asemblea Xeral das Nacións Unidas, a instancias da Unión Internacional de Telecomunicacións (UIT), para salientar a transcendencia deste novo universo que sen dúbida nos condiciona e que forma parte da nosa realidade social: a realidade global e mesmo a realidade máis próxima (doméstica). Lingua, tecnoloxía e coñecemento. Velaquí un trinomio fundamental que explica en gran medida o mundo que arestora vivimos.

Hai dúas maneiras de entender o Día Grande das Letras, tal como o imaxinaron os devanceiros: a Rosalía dos Cantares, a que en 1880 redacta o limiar de Follas Novas consciente de que escribe para os seus paisanos sabendo que a maioría deles non estaba daquela en condicións de ler nin entender os seus versos (analfabetos no seu idioma, vítimas da historia que nunca os considerou); ou a feliz iniciativa dos homes da RAG en 1963, que promoven a celebración para ensalzar, dignificar, reivindicar a lingua do país, que é o mesmo que reivindicar a dignidade dos homes e as mulleres que o habitan.

Hai dúas maneiras de entender o Día das Letras Galegas, digo. Unha é a sentimental e folclórica, que converte a onomástica nunha especie de representación, ás máis das veces nun lavado de cara que nos xustifica diante do que logo en realidade non facemos: un día para as nosas letras e o resto do ano ollando para outro lado. Outra maneira de entender a data é a afirmación radical da contemporaneidade. A lingua só ten sentido se realmente compromete a sociedade co seu futuro.

O futuro da lingua galega pasa necesariamente polo futuro (a viabilidade) da sociedade que a fala e a reivindica. Non vivimos no mellor dos tempos. A lingua é tamén a economía, a consciencia de nós mesmos, a ciencia, a tecnoloxía, o capital humano (pensando sobre todo nas novas xeracións), a capacidade que a sociedade ten para dar resposta aos desafíos de cada momento histórico. Hai tempo que afortunadamente o galego deixou de ser lingua local de uso doméstico, espazo no que resistiu heroicamente durante séculos, para instalarse nunha nova realidade: a globalización, a sociedade das novas tecnoloxías da información e o coñecemento. Esa é a lección (a aposta) da Rosalía de Follas Novas. O futuro (o idioma) hai que gañalo cada día, na práctica e na consciencia de uso, na afirmación do seu valor social, comprometidos coas prácticas e as posibilidades que nos ofrece a época que nos toca vivir. Tal é a feliz coincidencia que hoxe reivindicamos: unha lingua para un país moderno, instalada nos parámetros do seu tempo. Que ninguén pense que nos van regalar nada. Se queremos un país de noso, non dependente, nin provinciano, temos que conquistalo e facelo posible cada día dende as novas fórmulas da modernidade, sen medos, sen complexos: os 365 días do ano.