Escraches e boicots, nazis e falanxistas

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

01 may 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

A memoria é sempre fráxil e de cote interesada. Este asunto dos escraches está a evocar cousas do pasado que a un historiador non deixan de chamarlle a atención por como domina o esquecemento sobre a lembranza. Os escraches son cousa que eu non coñecía ata hai unhas semanas, de nome arxentino, seica lunfardo, pero que en galaico ferrolán diríanse cachada ou escachada, non sei se polo lunfardo, polo latín ou polo catch inglés aprendido dos chonis da Construtora Naval. Desenvolvidos como protesta pacífica diante dos domicilios particulares de políticos non están lonxe doutras formas de intervención como o boicot, usado por vez primeira contra un facendado británico pola Irish Land League na fin do século XIX e estendido polo mundo enteiro, incluída Galicia, nas décadas seguintes. Era unha forma de ostracismo que no caso dos escraches convértese en boicot inverso: en troques de non atender ou no consumir trátase de procurar ao político levando a protesta ao seu domicilio.

O boicot estendeuse axiña na Galicia de comezos do século XX con variantes que non eran alleas noutras latitudes. Non era infrecuente que aos que non asumían a consigna de non pagar o foro, naquelas campañas das primeiras décadas do século pasado, se lles colgara un gato morto na porta ou lles ardese o palleiro. Certamente unha forma de intimidación de longa tradición moi do gusto das comunidades rurais. Protestarlle aos responsables políticos nos seus domicilios non é pois algo novo pero si inédito ata o momento. Saltar do ámbito público ao privado é cruzar unha liña que ten sido cruzada moitas veces en situacións de crises sociais agudas. Pero o pasado, que serve para pensar e explicar, non serve para xustificar isto nin para o contrario.

Non estou certo de que sexa atinado para a convivencia cruzar esa liña que delimita público e privado; como estou certo que non o é en absoluto deixar na rúa a tantas familias que non poden pagar hipotecas ou deixar sen a metade dos seus aforros aos enganados polas preferentes. Do que estou certo é de que non deixa de ser absolutamente desproporcionado comparar as accións pacíficas dos escraches, teñamos as dúbidas que teñamos, coas seccións de asalto nazis. Hai algo patolóxico en identificar de forma recorrente estas accións coas dos comandos de camisas pardas nazis, aló na Alemaña dos anos trinta. Chama a atención ir buscar a comparación nas Sturmabteilung (SA), as seccións de asalto nazis, tendo tan preto na memoria e no espazo as brigadas do amencer falanxistas, coas que tampouco teñen parecido algún estes escraches pero si aquelas seccións de asalto. Hai esquecementos tan recorrentes como perversos. A crise social derivada da persistencia da depresión económica traerá máis situacións delicadas, fronte ás que compre saber como reaccionar... Para os políticos profesionais e vocacionais é unha obriga. Estáselle vendo a cara á crise e non gusta, pero coidado coas comparanzas.