Un ten a sensación de ir pola vida chegando tarde a case todo, por máis que intente ser puntual. É coma se as oportunidades xa pasaran sempre cando damos con elas. E isto, en case todos os campos da vida. Ata nas rebaixas. Cando un topa coa prenda que buscaba, xa alguén levou a do teu talle, ou simplemente, non quedan, iso que ti a estás a ver na man dun cliente que agarda na ringleira para pagar. Resulta inevitable, con este ritmo de vida, chegar tarde a moitas cousas. O problema aparece cando xa nin sequera chegamos. E iso é o que nos vai pasar coa idade de xubilación, que non a imos alcanzar.
O ministro Montoro asegura que non se subirán os anos para deixarnos descansar aos setenta. Así que o máis probable é que quedemos nos 69? Isto vai así, rozando sempre os límites coa xema dos dedos? Porque o que si é seguro é que o Goberno está estudando cal vai ser o novo tope.
Dá igual que o ministro asegure. Mañá mesmo pode cambiar de opinión. Xa pasou co IVE. Non o imos subir, dixeron categoricamente, aseveración que aplaudimos. E de aí a uns meses? ¡vaia se se incrementou o imposto! Ah, iso si. Non é que cambiasen de idea, non. Iso explicóunolo o noso presidente. O que mudaron foron as circunstancias. Por riba, aturar isto.
De seguir dilatando os anos de cotización, non vou vivir o suficiente para cumprir requisitos. Nin eu, nin moitos. E iso, se damos atopado traballo, que esa é outra, pois seica non son capaces de crear máis postos laborais? ¡Moi complicado! Vamos, que non chego.