Galegos na Patagonia

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

28 abr 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Cholo Rei chegou a Buenos Aires cos seus pais nos anos 50. Parou na capital arxentina o tempo xusto para reanudar viaxe cara aos extramundis austrais, Comodoro Rivadavia, no corazón da terra dos patagones. Hai que imaxinar que podía pensar un mozote que sae da Coruña e aterra de súpeto en semellantes extremeiras. Catro casas. Tellados de lata. Aquel vento feroz a azoutar a terra. Reclamábano os tíos, que chegaran antes. Os galegos emigran como as cereixas. Turras dunha e vai detrás o ramo enteiro.

A poboación de Comodoro Rivadavia, case que na fin do mundo, naceu en 1901. Catro choupanas de pescadores e instalacións das primeiras extraccións petroleiras. Hoxe anda polos 200.000 habitantes. En 1923, o galego Lastres promoveu unha mobilización para afirmar os dereitos dos veciños e constitúese o primeiro concello. Ese mesmo ano nace o Centro Galego. Xentes de Ribeira, que arribaron nos anos 20 e nos anos 30. Xentes de Fisterra nos anos 40 e 50 a traballar na Marítima de YPF. E tamén vascos, andaluces, asturianos...

A anécdota cóntama Cholo, e sucedeu contra finais dos anos 80 ou principios dos 90, cando o amigo Xavier Alcalá andaba por estas terras apañando historias para os seus libros sobre a latitude austral. Chegaba Xavier ao Neuquén e disque lle pediu a Cholo que o fose buscar ao aeroporto, xa que vivía por aqueles mundos. O Cholo non lle falou das distancias, pero alá foi, servicial co amigo. Ergueuse ás dúas da madrugada para recoller ao escritor, que aterraba contra as seis da tarde. Máis de mil quilómetros entre unha poboación e outra.

Mil quilómetros de chaira, metido en noite cerrada, sen unha casa, apenas sen árbores, sen elevación ningunha no horizonte, acompañado unicamente polo renxer do motor e a vexetación abaixada polo vento. «Houbo un intre no que perdín a sintonía da radio», cóntame Cholo, «e entón xa non había nada, absolutamente nada, agás a soidade». E a sensación un algo absurda de pensar quen me mandaría a min aceptar ir buscar deste xeito ao amigo. Ata que de súpeto, no medio daquela inmensidade total, actívase de novo a radio e soa unha pandeirada: «aí veñen os de Betanzos, aí veñen os de Ferrol...», e detrás da pandeirada a voz do locutor, ¡en mapuche!: «Marí Marí Peñí...». O Cholo pensou que toleara, ou que a soidade da ruta lle trastornara o cerebro. Abeirou o coche, e alá lonxe apareceu, case de miragre, un poste de gasolina: Sierra Grande, disque lle chaman ao lugar. «¿Soñei ou é certo?», preguntoulle ao da gasolineira. O homiño acenou, sen deixar a apertar a mangueira: «É o galego Filgueiras, que debe estar desperto».

Unha emisora doméstica que emitía (cando lle petaba ao propietario) para as inmensidades do Neuquén, Río Negro, O Chubut, dende unha casa isolada no medio na chaira. O galego Filgueiras (Xerminal Filgueiras), activista libertario, viñera das terras de Ferrol contra os anos 20. Militaba nas Mocidades Galeguistas. Amigo de Arturo Cuadrado, de Seoane, de Varela... Disque vivía de apañar ósos de dinosaurios.