Empresarios galegos

Víctor F. Freixanes< / span> VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

14 abr 2013 . Actualizado a las 06:00 h.

A miña xeración medrou na política con media ducia de tópicos que no fondo nos servían para sobrevivir. Eran tempos atravesados e os discursos simples semellaban os máis eficaces: branco e negro, bos e malos, os que están deste lado e os que non están. O abano de grises, que é onde habita a razón complexa das cousas, non existía. Ou non interesaba. Encerrados nas pequenas parroquias da clandestinidade deprendimos a fortalecer o discurso desta maneira. Se cadra era a única posible, repito: para sobrevivir.

Un daqueles tópicos tendía a descualificar, por principio, o empresariado. O empresario era un depredador que se quedaba coa plusvalía e, en razón da súa condición, explotaba os traballadores. Admitamos que, no contexto da ditadura franquista, cos sindicatos democráticos prohibidos ou clandestinos, era o discurso que dominaba. Lembro que nunha ocasión alguén sacou a debate a experiencia do grupo Sargadelos: os exiliados que volvían de América e poñían a andar o Laboratorio de Formas de Galicia, as fábricas de cerámica, as primeiras redes de comercialización do produto cultural galego, alianzas co capital para facer posible o proxecto. A crítica, formulada dende a esquerda radical, foi demoledora: posto que xogan ao modelo capitalista, alá eles. Sen matices. Poño este exemplo e podería poñer algúns outros, todos despachados coa mesma contundencia adolescente.

Co gallo da crise de Pescanova e a situación certamente apurada que está a vivir o noso tecido industrial, nalgúns casos case que á beira do desguace, volvín estes días a un traballo que hai anos coordinou o profesor Carmona Badía: Empresarios de Galicia, promovido e editado pola Fundación Caixa Galicia no ano 2006. En dous volumes, máis de 1.100 páxinas en total, o catedrático da USC reuniu, xunto cun grupo especializado de colaboradores, 46 biografías de empresarios galegos: emprendedores que fixeron posible a Galicia do pasado século. Entre eles están os irmáns Antonio, José e Manuel Fernández, aos que facía referencia na marea da pasada semana, inspirados no caso de Pescanova polos coñecementos do sector pesqueiro que encarnaba Valentín Paz Andrade. Mais tamén, Antonio Raimundo Ibáñez (1749-1809), o marqués de Sargadelos, e personalidades máis recentes como os irmáns Barreras, Moisés Álvarez, Gaspar Massó, Eugenio Fadrique, Xesús Canabal, José Regojo, Cordo Boullosa, Luis Calvo, García Cambón, Evaristo Castromil, Euloxio Gómez Franqueira?

Aínda que non é unha novidade editorial, chamo a atención do lector cara a este traballo, abofé que de altísima cualidade e, ¿por que non dicilo?, de rabiosa actualidade. Emprendedores galegos. Algunhas das grandes iniciativas que construíron a nosa identidade económica e social están aí, dende o sector do transporte e a minería, á madeira ou a investigación farmacéutica. ¿Qué foi da meirande parte deles? Isto tamén é cultura: a enerxía dun país que non estiña e que, analizada no seu contexto histórico e cos seus condicionamentos, debería servirnos de referencia.