As barbas do veciño

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

18 mar 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Chipre, para ser rescatada, debe aceptar un imposto dos depósitos bancarios do 9,9% sobre os que teñen máis de 100.000 euros, tanto de residentes como de fóra, e do 6,75 % para os aforros de menos de 100.000 euros. E ninguén poderá sacar cartos do banco ata que non se pague o imposto. Dende o Ministerio da Facenda española apresuráronse a dicir que o acordo non é extrapolable a outros países, cousa que a min sóame a excusatio non petita, acusatio manifesta.

Tamén o presidente do Eurogrupo dixo que era un acordo específico para Chipre, entre outras razóns porque a súa banca está «sobredimensionada»... Eu creo recordar que iso mesmo se dixo da banca española. Angela Merkel considera intolerable que o seu país teña que pagar a axuda a Chipre sen que os clientes da banca que, segundo din, son en boa parte oligarcas rusos, sufran as consecuencias. Tamén a Cristine Lagarde e a Rajoy a medida lles parece oportuna.

Ao parecer ninguén pensa nos chipriotas de a pé que terán os seus aforriños nun banco do seu país e non metidos nun escarpín. Esa xente, que xa estará a pasalo mal coa crise, ve que Europa, que en teoría tiña que axudarlles, o que fai antes de nada e meter a man no que tanto lles custou gañar. Así as cousas, nós deberiamos sacar do banco o que temos aforrado e poñelo a bo recaudo, ou mellor gastalo, e que nos quiten o bailado.