O consenso necesario (outra vez)

Víctor F. Freixanes< / span> VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

17 feb 2013 . Actualizado a las 06:00 h.

Non son os mellores tempos. Nin é o mellor momento tampouco. Tamén é certo que ¿cando houbo tempos mellores? Hai algunhas semanas entrei nesta cuestión, a risco de que me tratasen de inxenuo, e volvo sobre o asunto: a necesidade, urxencia, conveniencia, intelixencia política de abrir un novo proceso a prol do pacto social para o idioma galego, partindo do espírito de consenso que se concretou no seu día na Lei de Normalización Lingüística (1983), sobre a que se deseñou todo un mapa de actuacións (a presenza do galego no ensino, como lingua de aprendizaxe e como lingua vehicular; as estratexias de apoio institucional ao libro e ás industrias culturais; a creación da CRTVG en 1984, etcétera) que as circunstancias actuais traen esmorecidas, pero que nunca foron tan necesarias. En xuño cumpriranse trinta anos da aprobación unánime desa lei no Parlamento de Galicia e se cadra é unha boa oportunidade para revisar experiencias, avaliar obxectivos, corrixir erros (que tamén houbo) e, como veño de dicir, reconstruír un consenso que nesta materia nunca se debeu estragar.

Un grupo importante de persoas, cualificadas todas en distintos ámbitos profesionais e ideolóxicos, veñen de asinar un chamamento para que a Xunta reconsidere a súa intención de recorrer perante o Tribunal Supremo a sentencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia sobre o chamado decreto de plurilingüismo, algún de cuxos apartados (certamente substanciais) foron rexeitados pola máis alta instancia de Xustiza da nosa comunidade. O Goberno teima na súa. Formalmente, o presidente Núñez Feijoo aceptou retirar os puntos conflitivos sempre e cando a oposición acepte o conxunto e o espírito do decreto. Acéptenme este cualificativo un tanto chungo: son gañas de lerias. Paralelamente, algúns sectores da oposición, sobre todo cando hai espectáculo mediático, teiman tamén na súa, que consiste en non darlle ao Goberno nin unha oportunidade, acurralándoo contra as cordas o máis que se poida, que seica non están os tempos para compangos e moito menos claudicacións. E o desencontró continúa.

O chamamento que fan os asinantes, ao que me sumo, propón algo que máis dunha vez defendimos nestas mareas: recuperar o debate, a reflexión e o espírito dun novo acordo. ¿Onde? No Parlamento, non nas páxinas dos xornais nin nos tribunais de xustiza. Falamos de política, que é a arte de chegar a entendementos. Neste caso ademais, e a cuestión non é menor, sen vencedores nin vencidos. Un xesto de xenerosidade e de intelixencia por todas as partes que sen dúbida a sociedade (e a lingua) valoraría e agradecería. Apuntabamos nun anterior artigo que esta liña de traballo debería facerse sen ruídos, sen retóricas innecesarias, sen o espectáculo das luces da representación, que ás veces tanto nos cegan, mais coa vontade expresa de actuar na dirección apuntada: a lingua galega, hoxe máis ca nunca, precisa de actuacións comúns e consensos inequívocos, mesmo que teñamos que ceder todos un pouco, que tamén iso forma parte da política.