H oxe está fóra de toda dúbida que temos un desastre ecolóxico ás nosas portas e que pode afectar ás nosas posibilidades de desenvolvemento material e espiritual. E hai autores que pensan que só temos unha xeración para acadar a necesaria e radical transformación nas relacións económicas, e no noso diálogo coa terra, se queremos evitar un punto de non retorno, despois do cal é probable que se produzan cambios climáticos maiores irreversibles e irreparables.
Iso pensan moitos especialistas, entre os que podería salientar un lúcido traballo de John Bellamy Foster & Brett Clark (Monthly Review, December 2012), ao que segue unha densa bibliografía, uns cen títulos, no que se nos alerta do cambio climático e outros desastres que con el se aveciñan.
En calquera caso, trátase dunha cuestión de vida ou morte, ou máis ben disto último se non se adoptan as pertinentes medidas, hoxe ben coñecidas e case todas ben doadas. O máis sorprendente é que, ao menos entre nós, ningunha atención merece este asunto, nin sobre a súa realidade nin sobre as súas consecuencias. Porque non se comprende que merezan a máxima atención, por exemplo, uns ventos ou unhas neves que case nunca chegan a ser unha cuestión de elixir entre a vida e a morte, e ningunha mereza (nin nas escolas, nin nos medios e case nin nos estudos especializados) o cambio climático que pode acabar coa nosa vida e co noso planeta.
O noso mundo máis inmediato, o país galego, non pode seguir vivindo de costas a tan graves e urxentes problemas. Porque non imos ser alleos a eles e porque van ser, como dixemos, de elixir entre a vida e a morte. E debemos empezar por ter unha idea, que nin de lonxe temos, do que nos está vindo enriba. Porque estamos xa ás portas dunha desfeita planetaria.