O canon dixital

Víctor F. Freixanes< / span> VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

09 dic 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

O noventa por cento dos meus alumnos (por non dicir o cento por cento) descargan gratuitamente dende a Rede a música que consumen. Ninguén pregunta nin se plantea sequera iso que chamamos «dereitos de autor». Outrosí sucede co cine. Non só as producións difíciles de atopar, senón mesmo as ofertas de máxima actualidade. Eu mesmo, seguramente por comodidade, atópome ás veces pescudando descargas gratuitas de partituras musicais, documentos ou productos que están a venda pero que, nas redes sociais, circulan abertamente para os que queren acceder a eles. Non falemos dos xornais, cos altísimos custos que ten o produto informativo.

A cultura da gratuidade instalouse entre nós de tal maneira que acabou configurándose coma un principio que non se discute. Tal é o principal engado para os que realmente están a facer o negocio: as operadoras de transporte (ningúen cuestiona os pasos de contador ou as tarifas de acceso, que en moitos casos son escandalosas e ás veces nin se entenden) e os fabricantes de cacharros (iPods, iPhones, lectores de todo tipo, pantallas portátiles) que, enriba, mudan cada seis meses con novos servizos e novos complementos que anulan servizos e complementos anteriores, obrigándote a consumir de novo para actualizarte, ou simplemente para poder seguir recibindo o que recibías antes. A máquina produce, coa máxima rotación posible, e os consumos masivos estimúlanse coa porta aberta ao paraíso (os contidos da creación). Todo de balde.

Esta é a cuestión de fondo: un modelo de produción e de explotación que, por máis que se diga, deixa fóra aos que, nembargantes, son os grandes axentes activos: os creadores. ¿Quen paga o esforzo e o talento do músico? ¿Quen recoñece os dereitos económicos do produtor, o guionista, o realizador, o altísimo investimento que significa unha produción audiovisual minimamente digna? ¿E as horas ou anos de estudo, traballo, documentación, especialización? Todos estamos metidos nisto, dun xeito ou doutro.

O canon dixital, vixente en practicamente todos os países desenvolvidos, aínda que formulado de distintas maneiras, non é máis ca un intento (parcial) de compensar o problema, xa non resolvelo. Digo parcial porque o sistema ten fendas abondo para que se sigan producindo irregularidades. Empezou mal, ¡todo gratis!, en parte para aguilloar o crecemento rápido, e non é doado de encarreirar. Non pretendo en tan pouco espazo formular solucións que, por outra banda, están ensaiadas noutros países e algo deberíamos deprender deles, así como de escoitar ás partes afectadas (cousa que nesta e noutras cuestións seica o ministro non entende). Tampoco xustificar os abusos dos que noutrora fixeron negocios bravos que agora están pagando (as discográficas, o monopolio das distribuidoras, a esaxeración dos prezos). Limítome a describir unha situación. A proposta que nos acaba de presentar unilateralmente o Goberno, a conta por certo de toda a cidadanía (consuma ou non), é aínda bastante peor ca a anterior, e bastante máis inxusta.