«Manufactured in USA»

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

22 nov 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Velaí os Estados Unidos en estado puro: rañaceos que desafían pantanos e ollan con displicencia un enguedello de viadutos e pontes polos que circulan trens non tripulados, coches aerodinámicos, autobuses que pregoan a súa condición de propulsión híbrida. Dous anuncios repítense con potencia de díodos luminescentes: eses valos publicitarios electrónicos insisten cunha minitablet e cun coche eléctrico, recargable no garaxe.

Made in USA foi frase de garantía durante o século XX; despois viñeron Made in Germany e Made in Japan. Finalmente, todo é Made in China. Pero coidadiño co Designed in USA: a América dos ianquis nunca parou de inventar, nin de producir o máis sofisticado: avións, submarinos nucleares, foguetes, superordenadores... Estes días está nos escaparates un libro que ofrece pouca dúbida no título, Nación emprendedora, e no subtítulo: Por qué a fabricación é aínda a chave do futuro de América. Asínao Ro Khanna, fillo de inmigrantes asiáticos, unha autoridade en innovación e exportación.

Nos EE.?UU. hoxe séntese que a xente quere volver a unha condición perdida pola cobiza de quen non se preocupa polo traballo case escravo chinés. Os americanos entenden que a fabricación propia é unha honra; e que fabricar moraliza. Permite dicir «We made it» (fixémolo nós) formando parte dun colectivo... Tomen nota os políticos españois, porque aquí -humildemente- tamén houbo orgullo de fabricar.