Sindicatos e sindicalistas

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

14 nov 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Hoxe sábese que os Kirchner son de Río Gallegos, e que alá fixeron fortuna especulando coa terra erma do extremo sur das Américas; pero en 1989 poucos españois oíran dese lugar xélido e ventoso. Daquela chegou a Río Gallegos un enxeñeiro do grupo Telefónica que sabía de La Patagonia trágica e La Patagonia rebelde, obras sobre a épica da insurrección anarquista dos anos 20. O visitante foi agasallado polos galegos, que lle abriron o local do seu centro sen actividade; e un velliño de Noia, o señor Bartolo, contoulle que «el gallego Soto» era galego de verdade, de Ferrol...

Aos seus vintetrés anos, Soto xa organizaba un paro xeral no que mesmo participaron as traballadoras do sexo. Repetíronse as folgas da Patagonia e pasaron á historia con 1.600 obreiros mortos (por certo, o avó do Néstor Kirchner figura na lista de patróns represores). Os afiliados ao sindicato anarquista eran moitos, pagaban a súa cota regularmente e contribuían á caixa de resistencia. Os sindicalistas liberados eran moi poucos, e mantidos polos compañeiros.

Ante a folga de hoxe cabe preguntarse cómo confiar en sindicatos e sindicalistas que viven do erario, non por dubidarmos da súa honradez, senón porque a súa independencia é imposible. Nun intre de cambios de paradigma coma o actual, Río Gallegos, Soto e o señor Bartolo volven á memoria.