Cúmprense 35 anos da primeira convocatoria dos Premios da Crítica Galicia, que se celebraron por primeira vez no hotel Samil de Vigo, nunha noite (e unhas vésperas) que recordo bastante axitadas, cos traballadores do naval manifestándose nas rúas, os grises (aínda eran grises) armados con cascos, a situación de incerteza económica a sacudir as empresas (unha noite contamos na redacción trinta e sete expedientes de crise nunha mesma xornada), a Constitución a debate, o posible estatuto de autonomía no horizonte, a dereita máis dura enrocada nas súas vellas posicións. Celso Emilio Ferreiro botou un discurso. Fernando Randulfe andaba de aquí para alá, avogado dos traballadores? Un par de anos antes algúns acabaramos na comisaría, logo de asinar un manifesto a prol dunha cultura democrática. Lembro que o policía que me tomou declaración, logo de pedirme que a asinase, díxome: «Tranquilo. Vostedes levan agora as de gañar». Talmente. Ante o que puidese suceder, alguén tiña preparada unha saída cara a Portugal?
Os Premios da Crítica Galicia xurdiron no marco das iniciativas que dende había algún tempo viña realizando en Vigo o Círculo Ourensán-Vigués, unha asociación recreativa (con sede na rúa Venezuela) na que coincidimos un grupo de persoas moi diversas, a maioría vencelladas á esquerda e ao galeguismo, que organizabamos cursos de galego, cursos de cultura popular, actividades do movemento cidadán, iniciación á informática, presentación de libros, mesmo ceas e romarías... Bieito Ledo, que no 75 abrira na cidade unha libraría (Ir Indo), actuaba como armadanzas principal, en palabras de Isaac Díaz Pardo. E o espectro político era moi amplo, moi diverso. Había de todo. Ninguén preguntaba pola filiación.
Rafael Dieste definiu a etapa da Segunda República coma «un tempo de entusiasmo». Os derradeiros anos 70 e os anos 80 foron tamén para nós (para a nosa xeración) un tempo de ilusión e de entusiasmo. Todo estaba por construír. E a idea dos promotores dos Premios (e das actividades do Círculo) consistía en pular dende a sociedade civil un movemento de base que animase a transición necesaria. Non contra os partidos políticos, que daquela aínda non estaban ben clarificados, mais avivando a consciencia e a participación cívica, sen exclusión de ningún tipo: traballadoras do Corte Inglés, amas de casa, media ducia de rapaces, un xubilado de Pescanova, algúns empregados de banca, dous ou tres funcionarios de Administración pública? son algún dos alumnos e alumnas dos cursos de galego que a min me tocaba impartir. Incluso organizamos un para xornalistas, da man da Asociación de Prensa. Todo gratis, por suposto. Na primeira cea do hotel Samil cada quen pagou o seu cuberto (800 pesetas). Sen sociedade civil non hai futuro democrático. Sen sociedade civil non hai cultura. Sen o compromiso activo dos homes e mulleres que fan decote o país calquera cousa que levantemos ten os pés de barro. Era un tempo de entusiasmo, que non deberíamos deixar esmorecer.