E stá moi visto iso de dicir que os americanos son uns ignorantes, insensibles ultrapatriotas. Ao coñecelos, axiña se percibe que dos propios cidadáns norteamericanos saíron as súas máis intelixentes críticas ao seu propio sistema, debido, esencialmente, a unha característica da que pouco se fala: a súa asombrosa capacidade para suplir a incultura coa velocidade de aprendizaxe. O mesmo que che declara sen rubor que España está na estepa rusa, pode ser quen 48 horas despois che dea unha lección sobre a construción das identidades nacionais en España (verídico). Se cadra é por esa capacidade para non xustificar a falta de coñecementos a través do acceso á información, polo que os Estados Unidos atraen o saber coma o mel ás moscas, e polo que rouban cerebros a países quizais máis cultos pero desinteresados no valor real da cultura. Por iso en España podería repetirse un Prestige, pero nos EE.?UU. xamais se repetiría un Katrina.
Hai anos fun vivir a unha Nova York que sufría as azoutas do Katrina en forma dun exército de indixentes que chegaran na procura dunha vida onde o furacán non fose máis ca lembranza. Unha desas migrantes, en forma de perruqueira, converteuse na miña coñecida experta en seguridade meteorolóxica que, ademais, lideraba unha proposta ao Goberno para mudar os protocolos de evacuación de localidades populosas. Tras ver a destrución de Sandy sobre Nova York e a exemplar organización da alerta, non deixo de pensar estes días en que os cartos taparon a desgraza do Prestige na Costa da Morte. E nada máis. Os mesmos cartos que, neste noso país tan culto, axudan a pensar no inmediato e a non prever que a idiotez, se non se corrixe, perpetúase.