Unha asignatura pendente

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

30 sep 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

S upoño que se decataría o lector de que a alusión da semana pasada á experiencia do Estatuto dos 16 non era inocente. Xoaquín Fernández Leiceaga, profesor universitario e ata hai pouco político en activo, formado no nacionalismo democrático e no socialismo galeguista, vén de publicar un libro sobre, entre outras cousas, o proceso (fracasado) de reforma do Estatuto de Autonomía na anterior lexislatura, no marco do Goberno bipartito que presidía Pérez Touriño. Quen visite as páxinas do libro, que en gran medida son crónica e reflexión, ou quen teña vivido aquel proceso, de seguro que terá a súa propia opinión, igual que a teñen as formacións políticas que participaron na experiencia.

O que me interesa salientar de novo é a teoría da onda, que tamén expuxen nunha marea anterior: esa vaga de surf que se pode aproveitar ou non, que nos pode coller enriba, empoleirados na súa enerxía, ou pillarnos debaixo e acabar a rebolos entre a xerfa e a area. Saber agallopar a onda, aproveitar a súa forza natural, significa ter a punto as destrezas, os coñecementos e a disposición necesaria para poder facelo. Non é unha cuestión espontánea, nin algo que se improvisa.

Metidos en plena crise económica, a máis profunda que lembran os nosos tempos, o Estado español seica parece enfrontado a examinarse de novo dunha vella asignatura que non quedou resolta na transición, e que tampouco soubemos orientar nestes últimos trinta anos de historia democrática (e de excedentes económicos): a organización política e territorial do Estado.

Os que vivimos a saída do franquismo, militando en partidos políticos ou simplemente dende a cidadanía, sabemos que o Estado das autonomías se concibiu coma unha solución aberta, un pacto dinámico, orientado máis ben cara a modelos federais, aínda que sen concretar de todo. Era unha solución transitoria, seguramente a única posible naquel momento, e que máis tarde ou máis cedo habería que revisar. O café para todos con que se pretendeu abaixar os ciumes ou prexuízos do discurso centralista (non só da dereita española) funcionou na medida en que funcionou, mais acabou creando un Estado de intereses revoltos, feudos particulares que nin permitiu profundar no proceso (as nacionalidades históricas) nin perfeccionalo.

A actual crise económica non fai máis que desatar contradicións que veñen de atrás e que, na vertixe que nos está tocando vivir, gurgullan de novo. Volvémonos xogar o futuro. Con dúas consultas electorais no horizonte, vascos e cataláns van reactivar o proceso coa mesma ou aínda con máis forza da que no seu día se verteu na saída do franquismo, con outra xeración no poder (que xa non coñeceu a ditadura), con outros personaxes, noutro contexto económico e internacional, mais con dobrada enerxía. ¿E Galicia? No 77 e no 79 conseguimos subirnos á onda e agallopala na táboa de surf. Desta vez podemos perdela, e a responsabilidade será de todos, moi especialmente dos que teñen a forza representativa e de goberno. Bótelle o lector unha ollada ao libro de Leiceaga.